Nicolas González, 'satisfeito' co reforzo da Galiza na rede transeuropea de transportes

O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo sinala que “demostramos que o noso obxectivo é facer Europa desde Galiza”.

Nicolas González atendendo aos medios de comunicación este 17 de maio en Santiago (Foto: Nós Diario).
photo_camera Nicolas González atendendo aos medios de comunicación este 17 de maio en Santiago (Foto: Nós Diario).

O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, asegurou este sábado estar “satisfeito” co anuncio do ministro de Transportes, Óscar Puente, de máis de 4.500 millóns de euros de investimento para o Corredor Atlántico na Galiza antes de 2030.

Para o lalinense, esta “boa nova” está aliñada coas decisións das institucións europeas, que avanzan nesta dirección a través do Regulamento da Rede Transeuropea de Transportes.

O europarlamentario galego asegurou que o reforzamento da posición da Galiza no mapa da Rede Transeuropea de Transporte foi posíbel “grazas ao traballo dos socialistas no Parlamento Europeo e desde o Goberno socialista”.

Pola contra, González Casares criticou os votos en contra do PP e do BNG ao acordo para a rede de transportes. “Cando hai que demostrar compromiso con Galiza non valen escusas, os socialistas sempre estamos onde temos que estar, defendendo os intereses da cidadanía galega”, sinalou.

Vigo-Porto

Alén disto, asegurou que na vindeira lexislatura “imos priorizar, como fai o Goberno de España, a conexión ferroviaria de mercadorías entre Ferrol e Lugo” e, “por suposto”, a conexión atlántica Vigo-Porto.

En alusión á conexión da Galiza coa cidade lusa, asumiu o compromiso de traballar man a man cos “colegas portugueses” na dirección de priorizar esta intervención para que “poida ser unha realidade canto antes, no horizonte da década de 2030”.

Comentarios