A oposición ourensá urxe deter o feche do edificio do CIMM "pola irresponsabilidade de Xácome"

BNG e PSdeG acusan o Goberno local de non querer sufragar a erradicación do gas radón, un investimento duns 200.000 euros.
Gonzalo Pérez Xácome, en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome, en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A xestión do Goberno de Ourense volve ficar no punto de mira. Os grupos municipais de PSdeG e BNG denunciaron esta quinta feira o "feche inminente" do edificio que actualmente acolle o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM), na rúa do Ensino, por mor da negativa do Executivo de Gonzalo Pérez Xácome, aseguran, a sufragar a erradicación do gas radón.

O novo emprazamento sería a praza de San Martiño, algo que desde a oposición critican por ser "totalmente inapropiado para a atención ás persoas usuarias e fulminando sen alternativa ningunha prevista outros programas de atención, formación ou conciliación vencellados ao mesmo", dixo a socialista Natalia González.

O PSdeG ve "irresponsábel" a actitude de Gonzalo Pérez Xácome e considera o CIMM unha infraestrutura "de referencia, a mellor de toda Galiza", que se habilitou durante o Goberno de coalición de nacionalistas e socialistas e en cuxa reforma se investiron máis de 600.000 euros. "Non se pode tolerar nin un recorte máis neste desmantelamento social sen límites que estamos a vivir nos últimos cinco anos", engadiu.

Pola súa parte, a concelleira do BNG Ruth Reza lembrou que o edificio actual "foi cedido por unha Fundación a través dun contrato de comodato, segundo consta en documento notarial de 15 de abril de 2010, é dicir hai 14 anos, por un prazo de 30 anos e para unha finalidade concreta".

"Tendo en conta que hai presenza de radón en moitas dependencias municipais, nalgún caso con cifras que superan ás do edificio da rúa do Ensino, e non se fecharon, o lóxico é que se busque un emprazamento temporal mentres non se soluciona o problema", salientou.

Comentarios