Xornadas prolongadas de até 12 horas, salarios de 8 euros á hora que inclúen a pagas extras e vacacións e traballos que deben ser realizados a 60 metros de altura sen o pertinente descanso. Estas son algunhas das condicións dos operarios que traballan na ampliación da AP9 na ponte de Rande, segundo vén de denunciar o deputado nacionalista Luis Bará. O parlamentar do BNG engadiu que esta situación provoca “un fraude a Facenda e a Seguridade Social” e o gran número de horas traballadas polos actuais traballadores, entre 210 e 300, impiden que se xeren novos postos de traballo.
Bará anunciou que o BNG levará ao Parlamento iniciativas para denunciar estas irregularidades e instou a Xunta a que “tome medidas urxentes”. Para o deputado do BNG, a AP-9 representa “un roubo” para os galegos e agora as obras para ampliar a capacidade da ponte de Rande, a través do convenio asinado por Fomento e a concesionaria Audasa está a provocar unha situación que “conculca os dereitos básicos da clase traballadora”.
Canda Luis Bará compareceron os representantes da Federación da construción da madeira da CIG, Xoán Xosé Melón e Carlos Méndez, que incidiron nas mesmas denuncias e lembraron que noutras construcións públicas como a depuradora de Vigo ou o Hospital Álvaro Cunqueiro, “os abusos” aos traballadores fixeron necesario crear unha comisión de seguimento. Sen embargo, explicaron os representantes da CIG agora vímonos obrigados a abandonar a comisión de seguimento das obras da AP-9 ante a imposibilidade de “frear as irregularidades salariais e laborais” polo que decidimos iniciar as denuncias noutros foros como o do Parlamento galego.