Cayo Lara sobre a decisión de Anova: ''Parabenizámonos polo acordo''

O coordinador federal de IU garantiu que Anova terá un posto con opción a escano no Parlamento europeo. Martiño Noriega recoñece estar ''satisfeito'' polo resultado e quer despexar preocupacións que poida haber en certos sectores: ''Anova non vai subsumirse en nada''.

Cayo Lara
photo_camera Cayo Lara

Día de valoracións e reflexións após o referendo de Anova deste domingo e no que a militancia, por 11 votos de diferenza, elixiu concorrer ás europeas con IU. O máximo responsábel desta formación, o seu coordinador federal Cayo Lara, garantiu que Anova terá un posto con opción a escano na listaxe para os comicios do 25 de maio. Lara indicou que será a propia Anova quen designe á persoa para ir na candidatura, nun procedemento semellante ao que se segue con Iniciativa per Catalunya.

“Parabenizámonos polo acordo, que é moi importante”, afirmou Lara no Congreso español en declaracións recollidas por Europa Press.

Sen fractura

Pola súa banda, Martiño Noriega, impulsor do manifesto #NósSomosAGE que defendía concorrer con IU, recoñeceu estar “satisfeito” polo resultado e que supuña “darlle continuidade” a AGE e a ampliar o espazo dun movemento “transfronteirizo entre o nacionalismo galego e a esquerda federal”.

Noriega asegurou que Anova non vai ficar “subsumida en nada” por ir con IU e negouse a facer unha interpretación dos resultados do comicio “en chave de fractura”.

Comentarios