Críticos de Podemos piden a Buitrón que renuncie ao Senado por comparar Galiza con Estremadura ou Castela

Consideran que o presidente da xestorda de Podemos Galiza e senador de En Marea pode ser “un magnífico médico”, mais o seu “coñecemento” sobre a cuestión territorial está “estancada no modelo pre-constitucional”.

garcia buitrón podemos monedero
photo_camera García Buitrón con JC Monedero

A corrente crítica Bases Podemos pide a González Buitrón, presidente da xestora de Podemos Galiza e senador por En Marea, que renuncie á súa acta na Cámara alta polas “inadmisíbeis declaracións” nas que comparaba Galiza con Estremadura e Castela-A Mancha. “Pode ser un magnífico médico, mais o seu nivel de coñecemento sobre a territorialidade do Estado ficou estancada no modelo pre-constitucional”, afirman. Buitrón afirmara, a raíz da polémica xerada pola ausencia de propostas concretas para Galiza no documento de negociación de Podemos, que “tampouco hai propostas sobre Estremadura ou Castela-A Mancha”. Si as había para outros territorios, recoñecidas como nacionalidades históricas, caso de Catalunya.

Non é esta a única crítica que nese comunicado fan desde Bases Podemos ao senador coruñés. Sitúan este médico como “promotor dunha estratexia” canda outros cargos para controlar o partido en Galiza. Nese sentido, esta corrente crítica pide a demisión da xestora que ten que pilotar esta fase de Podemos Galiza após a disolución desde Madrid dos órganos de dirección do partido. Denuncian que a xestora está “nomeada a dedo” desde a dirección estatal e que os seus integrantes son “xuíz e parte” no proceso, o que constitúe “unha aberración democrática”.

Comentarios