O deputado socialista Juan Carlos Francisco renuncia á súa acta como deputado

A contorna do deputado apunta tensión con Formoso, o actual secretario xeral do PSdeG.
O deputado socialista Juan Carlos Francisco (Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista Juan Carlos Francisco (Nós Diario)

O deputado do PSdeG, Juan Carlos Francisco, comunicou que renuncia á súa acta no Parlamento da Galiza por "motivos estritamente persoais e familiares" mais sinalou que, aínda que deixa "a vida política e orgánica" non se vai do "partido".

Aínda que voces da súa contorna apuntan como detonante as tensións vividas nunha recente reunión do grupo parlamentar e a deriva tomada após as mudanzas xurdidas coa chegada á dirección do partido de Valentín González Formoso, Juan Carlos Francisco aclarou que "non é unha das voces  discordantes" coa nova directiva do partido e que "se o fose actuaría no marco da organización que é onde hai que discrepar".

Para alén diso, Francisco dixo que que a nova directiva galega do Partido Socialista, que encabeza Valentín Formoso, "ten que ter marxe suficiente para deseñar un proxecto político e levalo adiante". "Se mantemos un partido forte, unido e cohesionado, atendemos e entendemos o momento político da Galiza quizais dentro dun tempo teñamos unha alternativa sólida ao Partido Popular na Xunta. Iso é no que temos que traballar todos os socialistas, algúns desde as institucións e outros como eu desde a militancia de base", sentenciou.

"Marcar a folla de roteiro"

Deste modo, destacou que a nova directiva do partido debe marcar a folla de roteiro, "en tempos de convulsión política" con "dinámicas novas desde o punto de vista político, coa renuncia do Señor Núñez Feixoo". Un momento no que, dixo, o PSdeG "debe impor o seu sinal para marcar a súa liña de acción política e fortalecer a súa posición visibilizando o proxecto cara á sociedade".

Francisco opinou, ademais, que a formación ten que ser capaz de "facer que a cidadanía entenda que a única alternativa real de Goberno existente na Galiza pasa porque o PSOE sexa forte", "creo que é no sentido no que teñen que traballar", dixo.

De todos os modos, o deputado ourensán, insistiu en que deixa a súa acta de deputado mais non abandona o partido, do que dixo estará "a disposición sempre para loitar e conseguir os obxectivos que demande a cidadanía galega", que "non son outros que os de gobernar".

Ademais, aproveitou para expresar o seu agradecemento ao partido "pola confianza depositada para ocupar cargos orgánicos e institucionais" e dirixiuse, "en especial", ao anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero, ao que é afín, por permitirlle "encabezar a lista ao Senado e formar parte da lista do Parlamento galego".

Comentarios