"A dereita galega está unida polo poder"

No #VenhanMais5 esta quinta feira contamos coa voz de María Cadaval, profesora de Economía da USC e analista en varios meios como a TVG e a RG

María Cadaval
photo_camera María Cadaval

-Como avalías o estado actual da política galega?

-A política galega está caracterizada por unha bipolaridade clara: a dereita e a esquerda. Pero con realidades ben diferentes. A dereita está unida polo poder, o PP funciona coma partido cunha maquinaria perfectamente engraxada. 

Na esquerda a análise non é única, está composta por tres forzas ben diferentes. O primeiro a destacar é que dúas delas –PSdG e En Marea- teñen o seu núcleo de decisión posto en Madrid, é dicir, o partido xógase na capital do Estado español, do que se deduce que, moitas veces, os intereses centrais dos partidos que “operan” en Galicia non o fan en clave galega, senón española.  

A situación de interinidade do PSdG pode ser a causa de que non se escoite a voz do partido socialista, que se fixo invisible. 

O partido instrumental das Mareas, que foi creado coma un banco de probas para ser a alternativa de esquerda ao PP, parece un experimento de pólvora mollada. Villares non soubo ou non lle  deixaron liderar o proxecto. O "sorpasso" que esperaban algúns non foi máis que un "sorpassiño" e a evolución non semella que responda ás expectativas, cuxo futuro está á espera do que vaia a facer Pablo Iglesias, verémolo nas municipais. 

O BNG, xoga a outra cousa, como partido nacionalista, nos últimos tempos fixo un camino de volta á orixe, e, coido, voltou ao sitio de onde nunca debera ter saído, ao seu espazo natural, acompañado dunha importante renovación xeneracional.

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

-Ou moito ten que cambiar a realidade ou non agardo grandes mudanzas desta situación que acabo de describir. O PP é probable que afronte o proceso de relevo de Feijoo, que non se prevé convulso. No PSdG empezarán a poñer rumbo ao barco unha vez que se dilucide quen se vai a facer co leme do PSOE. Máis dúbidas teño sobre o futuro de En Marea tal e como o coñecemos hoxe. Se as tensións internas non se solucionan, probablemente o instrumento acabe sendo outra cousa diferente á actual confluencia. O Bloque Nacionalista Galego seguirá este camino cara á orixe e á esencia, consolidando o seu peso e tratando de medrar, en parte, grazas ao descontento daqueles que un día saíron coa esperanza de que o “novo partido” en forma de confluencia respondese a unas expectativas e que non cumpriu.

Sermos conta cun elevado nivel de información política de calidade que, sin embargo, non se ve, nin de lonxe, acompañado do mesmo nivel de información económica

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

Sermos tense convertido nun medio alternativo en Galicia que ha de contribuir á pluralidade do xornalismo neste país, sen ter que renunciar ao seu apego polo nacionalismo ao que representa.

En coherencia con isto, coido que debería abrir o seu abano e espazos de opinión a máis autores, aínda que non compartan sempre a liña editorial do medio.

Sermos conta cun elevado nivel de información política de calidade que, sin embargo, non se ve, nin de lonxe, acompañado do mesmo nivel de información económica, no que cómpre profundizar. Sería bo que proporcionase información relacionada cos aspectos macro e microeconómicos da economía de Galicia e de xeito regular.

Por último, a firme aposta de Sermos pola internet seguramente pode ir un paso máis adiante e innovar, engancharse ás últimas técnicas de difusión da comunicación, de xeito que o vector resultante beneficie tamén ao semanario impreso.

Comentarios