Sería un aforro de dous millóns de euros

Eleccións galegas: Ana Pontón propón suprimir o mailing e debates a dupla volta nos meios públicos

Propostas concretas do BNG xa para as materializar na próxima campaña. A formación nacionalista vai levar unha iniciativa ao Parlamento para suprimir o mailing e estabelecer debates a dupla volta nos meios de titularidade pública. Anunciouno Ana Pontón.

ANA PONTON ROLDA PRENSA

Suprimir o envío postal das papeletas ás moradas das galegas e dos galegos representaría un aforro para o erario público por volta dos dous millóns de euros, de acordo coa estimación feita pola equipa técnica do BNG:

O BNG propón ou ben unha modificación pontual da lei eleitoral galega ou ben un acordo político entre os distintos grupos. Unha reforma de maior alcance ficaría para a próxima lexislatura, informou a formación frontista a meio dun comunicado.

A supresión do mailing, explicou Pontón en conferencia de imprensa, “permitiría reducir en gasto inútil” e, aliás, "conseguir que a imaxe da carretaxe sexa dunha vez por todas parte do pasado”. 

Canto aos debates, o BNG quer un encontro “a dobre volta” entre as persoas que optarán á presidencia da Xunta, o cal sería un formato novidoso quer na Galiza quer no Estado. Un debate por semana de campaña. Propón tamén o Bloque que debatan as e os números 1 por cada provincia e que se realicen aínda entrevistas en profundidade ás candidatas e candidatos a lideraren o goberno galego.

“Os medios públicos, que pagamos entre tod@s,  non poden estar ao servizo de Feijóo, senón ao servizo do dereito dos galegos e galegas a estar informados. O democrático é que haxa debates en horario de máxima audiencia na TVG e non en horario infantil, e tamén invita a reflexionar comprobar como nas últimas convocatorias electorais os medios privados fan máis debates que os públicos”, salientou Pontón.

Comentarios