Sesión de control ao presidente

BNG pide un “acordo de país” no Parlamento para un cambio na política forestal

Os nacionalistas critican o actual modelo forestal “en beneficio de Ence” mentres Feijóo afirma que “hai máis frondosas ca nunca”. En Marea denunciou o prexuízo para Galiza dos orzamentos xerais do Estado e o PSdG cuestionou o desleixo da Xunta en política de superficie empresarial.

Pleno do Parlamento galego. 22 de febreiro de 2017
photo_camera Pleno do Parlamento galego.

O BNG aproveitou a sesión de control ao presidente desta cuarta feira no Parlamento pata propoñer un “acordo de país” en materia forestal que pase por un novo plan de ordenación de usos do monte. “O actual modelo forestal é unha ruína económica, social e ambiental”, afirmou a portavoz nacionalista, Ana Pontón, incidindo en que o proceso de “expansión do eucalipto” só beneficia Ence e non permite aproveitar recursos e potencialidades do monte galego. Pontón lembrou que o actual modelo forestal entra nunha dinámica de abandono do rural e incendios, polo que cómpre atopar unha solución que non pase por “hipotecar o futuro” de Galiza.

O presidente discrepou da nacionalista. Erixiuse en representante dos “70.000 galegos que traballan na industria forestal”, dos “80.000 propietarios de monte” e das “3.000 empresas do sector madeireiro” para defender  o modelo forestal do seu goberno. “Aprobamos a única lei de Montes que hai en Galiza”, dixo, indicando que apostaban en limitar as repoboacións e en fomentar as especies autóctonas. “Hai máis frondosas ca nunca en Galiza desde que hai inventario forestal”, engadiu.

Orzamentos xerais

Os Orzamentos xerais do Estado en relación a Galiza foi a cuestión que centrou a intervención de Luís Villares (En Marea), que salientou que esas contas indican o escaso peso de Feijóo perante o ‘goberno amigo’ de Feijóo en Madrid. Villares debullou os recortes en investimentos e as medidas prexudiciais para diferentes colectivos que, explicou, se contemplaban nos orzamentos. Desde a tesoirada en investimentos reais (“un recorte de 30%”) até a perda de poder adquisitivo para os funcionarios do estado en Galiza.

Non gostou Feijóo da intervención de Villares, a quen acusou de empregar o Parlamento como se for “un circo” e acusounos de non querer que haxa orzamentos, prexudicando así investimentos e proxectos en Galiza, afirmou. Volveu tirar do argumentario de que En Marea está contra o AVE e mesmo meteu Venezuela no medio da súa quenda de intervención. Villares insistiu: Os Orzamentos amosan o escaso peso de Feijóo ante o goberno do Estado. “O ano pasado a execución orzamentaria en Galiza foi de 41% cando a media estatal foi 57%”.

Industria

Fernández Leiceaga (portavoz do PSdeG) empregou o exemplo da Plisan, a plataforma loxística do sur de Galiza posta en andamento hai 17 anos e aínda non finalizada, para falar do desleixo da Xunta en materia de infraestrutura empresarial, alertando o perigo que iso representa para a competitividade e captación de empresas.

Comentarios