Non comeron nen@s crús, mais case. Así conta a caverna españolista a XIV Asemblea do BNG

"Alaridos de independencia”, “odio visceral a España”, “aplausos al terrorista Otegi”, “apoyo a la dictadura cubana”... Os diferentes medios da dereita española non aforraron en dinamita á hora de relatar o encontro que a fronte nacionalista realizou este domingo.
AN do BNG

Dunha reunión de dous mil galegofalantes nun auditorio ao longo de todo un día non podía saír nada bon. A caverna mediática españolista xa se cheiraba que aquilo (a XIV Asemblea Nacional do BNG) ía ser perigoso. Mais non se imaxinaba canto. Unha simple lectura para ver como os medios da dereita máis españolista relataron esa cita permite comprobar até que punto Madrid puxo o casco e cavou trincheiras. Están en guerra contra el separatismo, venga de donde venga, como gostan de dicir. Veña de Euskal Herría, de Catalunya. Ou de Galiza.

Os mellores en relatar o acontecido foron os de La Razón. Nin palabra. Eles, polo que se ve, non falan de provincias. Case que mellor, á vista do que os outros medios contaron da XIV Asemblea.

"O Bloque máis radical aplaude a Otegi ao berro de independencia”, titulou o ABC

El Mundo titulou 'O BNG recupera o seu discurso soberanista'. Comedidos no titular, desmelénanse no texto: falan de que nesta asemblea gañou “a á máis radical”, que impuxo un “cambio de líder” e “silenciou a disidencia”. Para o correspondente deste meio, na cita do Palacio de Congresos, o BNG adicouse a “recuperar a linguaxe dos 80 para proclamarse anti-Otan e anti-UE”. Destaca que mesmo se falou “de colonialismo”.

Mais a traca grande viña ao final, para describir o ambiente da AN: “soflamas patrióticas, referencias a pensadores nacionalistas (que algún haberá, deberon pensar en Madrid)” e, “proclamación dunha fe (...) que sirva para lamber as feridas da perda de confianza cidadá”.

Para El Mundo, nesta asemblea gañou “o á más radical”, que impuxo un “cambio de líder” e “silenciou a disidencia”

Pero se até aplauden aos portugueses!

Mais El Mundo foi comedido en comparación co ABC ou Libertad Digital. No decano da prensa conservadora fixeron un oco entre tanto novo Papa para adicar unha páxina ao que para eles debe de ser o anticristo. Ou sexa, o nacionalismo galego. No ABC non enganan, iso sí, xa no titular prometían leña: “O Bloque máis radical aplaude Otegi ao berro de independencia”.

A continuación, afirmaba “o BNG blíndase con nacionalistas vascos, cataláns e estranxeiros”. Na crónica da asemblea, a xornalista relataba como “o auditorio quecía” con “alaridos de independencia”. E como a asemblea do BNG “enfervoreceuse” con Portugal ao falar a representante do Bloco de Esquerdas. E, como non, Otegi. Foi Niko Moreno transmitir a felicitación do político preso á AN do BNG e rebentar o palacio cos aplausos. Iso si, indican desde o ABC, na asemblea deste domingo “eran menos que hai un ano”. Hai esperanza, semella dicir. A ver si desaparecen, jolines.

Libertad Digital: "O Bloque acompañouse de todos os que odian España”

“Odian a España”

E, coma sempre, Libertad Digital non defrauda. Titula “O BNG elixe portavoz entre berros de independencia”. E xa no texto indica que “os independentistas galegos elixiron portavoz nunha asemblea na que se acompañaron de todos os que odian España”. E destaca que se leu unha “mensaxe da ditadura cubana” en apoio a asemblea do BNG. Textualmente din: “O novo cónsul xeral de Cuba, José Antonio Solana, recibido coa mensaxe Cuba si, yanquis non, leeu unha mensaje do Partido Comunista que soxuzga a illa”

Comentarios