González Casares garante o apoio dos socialistas á conexión ferroviaria entre Vigo e Porto

O candidato socialista ao Parlamento europeo, Nicolás González Casares, comprometeuse este sábado en Tui a unha “cooperación reforzada” da Galiza co norte de Portugal para potenciar a Eurorrexión e expresou o apoio da súa formación a conexión ferroviaria entre Vigo e Porto.

Casares
photo_camera Nicolás González Casares este sábado durante un acto en Tui.(Foto: PSdeG).

Nicolás González Casares apostou por impulsar unha verdadeira axenda en favor do “impulso demográfico e contra o despoboamento e o envellecemento” ás dúas beiras do río Miño

González Casares lembrou que as áreas fronteirizas da Galiza e o norte de Portugal son os espazos de maior concentración demográfica e de maior dinamismo de toda a “fronteira luso-española”.

O dirixente socialista apuntou que “ambos territorios contan cunha forte complementariedade e permeabilidade e que deben aspirar a ser o engarce do mundo hispano-luso”.

O candidato do PsdeG destacou “o papel xogado polos fondos comunitarios para reducir o diferencial de renda coa media comunitaria, pero incidiu na necesidade de que ambos os dous territorios fagan forza conxuntamente para atallar o problema do declive demográfico”.

González Casares significou que “as infraestruturas para o transporte e a mobilidade, especialmente as portuarias e ferroviarias, son cruciais para poder capitalizar esas oportunidades e enxalzou os fondos europeos do Plan de Recuperación”.

Infraestruturas

O responsábel do PSdeG amosou o compromiso dos socialistas coa conexión ferroviaria entre a Galiza e Portugal, asegurando que o Goberno do Estado prevé nesa infraestrutura un investimento de 4.500 millóns de euros até 2030.

O dirixente do PSdeG sinalou que “durante a crise financeira, os Gobernos conservadores de España e Portugal deixaron morrer a conexión ferroviaria Vigo-Porto. Grazas ao compromiso do Goberno socialista, a conexión Vigo-Porto vai ser unha realidade”.

Comentarios