González Casares pide votar ao PSOE para parar o PP e a Vox

Os socialistas galegos levaron a súa campaña das elección europeas a Maceda, na comarca homónima. Alí, o candidato da formación, Nicolás González Casares, presentou a súa formación como un “muro de contención fronte á dereita”

González Casares
photo_camera Nicolás González Casares intervindo no acto do PSdeG en Maceda. (Foto: PSdeG).

O candidato socialista ao Parlamento europeo, Nicolás González Casares, chamou este domingo a frear ao PP que “se camufla coa ultradereita” e apostar por un PSOE que defende unha Europa “social, xusta e solidaria, unha Europa de paz”.

González Casares afirmou que “estas eleccións son importantes porque nos enfrontamos á ultradereita e a unha dereita como a española, que se confunde coa ultradereita, esa ultradereita como a de Abascal, indigno, que vai estreitar a man de Netanyahu mentres masacran nenos en Gaza”.

“Nós ímoslle facer fronte, somos o muro de contención”, asegurou o candidato socialista en Maceda durante a terceira edición de ConMemora, a Festa do Socialismo Ourensán, onde, tamén, tomaron a palabra, a alcaldesa da localidade, Uxía Oviedo, e o secretario xeral do PSdeG en Ourense, Rafael Villarino.

O eurodeputado do PSdeG chamou a sentirse orgullosos do Goberno socialista do Estado. A este respecto, significou que “está a impulsar a memoria democrática como política de Estado”, algo que considerou chave nun tempo “en que a dereita está abrir as portas do Goberno á ultradereita“.

González Casares acusou ao PP de querer devolver ao Estado “ao pasado, aos homes de negro, pero non aos da crise financeira, queren ir moito máis atrás, a eses homes de negro que van co brazo en alto pola Roma de Meloni dicíndolles ás mulleres se poden abortar”.

“Non queremos eses homes negro en Europa”, manifestou González Casares, quen dixo que o vindeiro domingo “a cidadanía vaise levantar para dicirlle a Feixoo e á ultradereita que non queremos máis Melonis, que non queremos que nos quiten dereitos, que queremos máis Pedro”, en referencia ao mandatario español.

Críticas ao BNG

O candidato do PSdeG cargou, tamén, contra os nacionalistas. Neste sentido, acusounos queren elevar fronteiras “até no Padornelo” e de rexeitar o actual modelo da Unión Europea, fronte aos socialistas que "cremos na construción europea”.    

Comentarios