Goretti Sanmartín insta a "meter o turbo" na taxa turística

A Xunta prevé que poderá aplicarse a partir do 1 de xaneiro.
tt
photo_camera Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, Xosé Merelles e Antonio Casas. (Foto: Concello de Compostela)

O director da Axencia de Turismo da Galiza, Xosé Merelles, afirmou esta sexta feira que a Xunta prevé que "estea lista o 1 de xaneiro" a normativa galega para que os concellos que así o desexen implanten unha taxa turística.

Diso informou após reunirse coa alcaldesa deCompostela, a nacionalista Goretti Sanmartín, quen mostrou a súa satisfacción polo "cambio de opinión" da Xunta e urxiulle a que "meta o turbo" e "acelere todos os procesos", de modo que "faga a parte que lle corresponde". Na reunión tamén estiveron presentes a concelleira de Capital Cultural e Turismo, Míriam Louzao; e o xerente de Turismo da Galiza, Antonio Casas.

"É unha moi boa noticia para o conxunto da cidadanía de Compostela", declarou a alcaldesa, quen reiterou que é "un clamor social" entre a veciñanza a necesidade de implantar unha ‘taxa turística’ para contribuír á sustentabilidade turística e aos sobrecustes da prestación dos servizos.

A proposta lexislativa irá agora ao Parlamento galego "para que canto antes póidase aplicar este imposto", segundo destacou Merelles, antes de referirse a que haberá "debate" no Hórreo e "probabelmente se enriqueza" coas achegas dos grupos parlamentarios.

Como requisito, a recadación do imposto será "100% municipal", incidiu. É dicir, será un tributo autonómico cuxa xestión recaerá nos consistorios.

Goretti Sanmartín manifestou que "a pelota agora está no tellado da Xunta", mais apelou á "boa vontade" en relación ao "texto definitivo" que aprobe a Cámara galega, dada a composición do arco parlamentario —con maioría do Partido Popular—. "Oxalá que se cumpra ese prazo" e que "o 1 de xaneiro estea listo".

Miriam Louzao, a preguntas da prensa, confirmou que o Goberno local traballa, pola súa banda, nunha ordenanza, que neste caso pode desenvolver o propio Concello ao tratarse dunha taxa e non dun imposto autonómico. Esta ordenanza estuda a implantación dunha taxa para excursionistas.

Comentarios