Leiceaga, ás mareas e en relación ás primaras: "Podían tomar nota do que ten feito o PSOE"

O candidato socialista á Xunta amosou a súa "perplexidade" e "certa sorpresa" polas "liortas internas" da coligazón. 

Leiceaga_PSOE
photo_camera Leiceaga [Imaxe PSdeG-PSOE / Flickr]

Xoaquín F. Leiceaga, candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, nas vindeiras eleccións de outubro asegurou en comparecencia de imprensa esta cuarta feira (6 de xullo) que "a nova política estase a facer vella moi rapidamente" en referencia ao debate aberto no seo de En Marea a respeito da fórmula de concorrencia e a candidatura que presentarán aos comicios de outono. 

Un debate ao que dixo ollar con "perplexidade" e "certa sorpresa" pois, fronte ao aumento da "participación dos cidadáns" que sinalou como "un dos eixos centrais" da "nova política" os acontecementos estarían a evidenciar, segundo Leiceaga, "unha eclosión de nobreza recente con extrema rapidez". 

Leiceaga define a Beiras como "xarrón chinés". Algo "moi valioso que ninguén sabe onde colocar"

Desta maneira referíase á comparecencia pública dos alcaldes de Ferrol, Compostela e A Coruña no que deron leitura a un comunicado conxunto no que chaman a seguir a folla de rota das Mareas en Común de cara á conformación da candidatura e o programa. Neste senso, subliña Leiceaga, "a opinión de 3 ou 4 líderes" determina "o relevante" en troca de "fomentar a decisión do conxunto da militancia e simpatizantes desa corrente política". 

Neste senso, o candidato do PSOE instou as mareas a "tomar nota do feito" pola súa formación que organizou "unhas primarias de verdade" para a continuación asegurar, en referencia a Xosé Manuel Beiras, que "líderes dese novo espazo político pasan á categoría de xarrón chinés" entendido como "algo moi valioso mais que ninguén sabe onde colocar". 

"Podían tomar nota do que ten feito o PSOE onde organizamos unhas primarias de verdade"

Leiceaga defendeu o PSOE fronte ese contexto "curioso" que está a acontecer "dun e doutro lado" do panorama político galego e presentou a súa formación como garante para "impulsar a axenda política galega" nas institucións españolas facendo fincapé na revisión do modelo de financiamento, a defensa do sector lácteo, a pesca e as infraestruturas. 

A respeito da investidura de Mariano Rajoy Leiceaga amosouse partidario de que o PSOE dea un "non" na "primeira fase". Así as cousas, non descartou que esa posición poida mudar se o PP "asumise" demandas "importantes" para o grupo socialista. 

Comentarios