Máis de 250.000 vascos poden votar este domingo se queren un estado independente

As consultas populares impulsadas por Gure Esku Dago chegan a 52 localidades vascas de Gipuzkoa, Bizkaia e Araba. De Eibar e Durango a Ondarroa ou Zarautz.

euskal herria gure esku dago consultas

Este domingo realizaranse consultas populares en 52 localidades vascas, referendos impulsados desde a plataforma Gure Esku Dago e nos que a veciñanza co seu voto pode expresar se apoia ou non unha Euskal Herria soberana. O censo electoral supera as 250.000 persoas. As consultas teñen lugar en localidades como Durango, Eibar, Zarautz, Ondarroa, de diferentes comarcas vascas.

Poderase votar entre as 9:00 e as 20:00 horas e haberá mesas instaladas en diversos inmobles para que a cidadanía poida exercer o seu dereito a decidir. A pregunta non será a mesma para as 52 localidades, pois os referendos nacen da implicación e ritmos de movementos veciñais de cada concello. Mais teñen en común o de permitir a quen vote expresar o seu posicionamento a respecto o estatus político que queren para Euskal Herria.

“Quere ser cidadán dunha república vasca?”, “Quere ser cidadán dunha Euskal Herria soberana?”, “Quere un estado independente para Euskal Herria?” son os modelos dalgunhas das preguntas nas consultas. Esta vaga de referendos non é a primeiro que se vive en País Vasco. Este movemento comezou no 2014 cunha consulta en Etxarri-Aranatz (onde houbo un 95% de votos a prol da independencia) e tivo un importante impulso en xuño de 2016, cos referendos feitos en 34 municipios de Euskal Herria. Nos últimos 3 anos un total de 91 concellos acolleron este tipo de consultas a favor do dereito a decidir.

Comentarios