Eleccións Europeas 9-X

Nicolás González Casares (PSdeG): "Fun un eurodeputado que lexislou e cambiou cousas, iso é palpábel e está no Boletín Oficial da UE"

O PSdeG confía en que o lalinense Nicolás González Casares renove este 9 de xuño o seu o escano no Parlamento Europeo. Quere voltar a Bruxelas reivindicándose como un eurodeputado que lexislou e que mudou cuestións fulcrais. Nesta entrevista, 'Nós Diario' aborda co candidato socialista, entre outros temas, o proxecto de celulosa de Altri na Ulloa. González Casares ve “moi complicado” que a pasteira portuguesa reciba fondos europeos de produciren danos ambientais. 
Nicolás González Casares, candidato do PSdeG nas eleccións ao Parlamento Europeo (Foto: Arxina).
photo_camera Nicolás González Casares, candidato do PSdeG nas eleccións ao Parlamento Europeo (Foto: Arxina).

Nicolás González Casares (Lalín, 1972) síntese cómodo en Bruxelas. Repite como candidato do PSdeG e asegura que o partido afronta “con bo ánimo” esta nova cita coas urnas. Entre actos de campaña fai unha pausa para atender as preguntas de Nós Diario nunha cafetaría da zona histórica de Compostela. 

—Cal é o balance que fai do seu paso polo Parlamento Europeo?
Foi unha lexislatura marcada por diferentes crises, a primeira foi a sanitaria, a da Covid-19, onde os socialistas tivemos un papel destacado na consecución dos fondos de recuperación. Tamén traballei a fondo no tema das vacinas, fun o único galego que estivo revisando os contratos para que chegaran e presionando para que se entregaran esas vacinas, ás veces tivemos contratos algo leoninos. Despois viñeron as crises enerxética e da inflación, onde voltamos a ter un papel destacado. Na reforma do mercado eléctrico traballamos man con man con España e hoxe temos unha reforma do mercado eléctrico feita por un galego en Bruxelas para 450 millóns de persoas, que ten en conta moitas realidades do noso país. Fun un eurodeputado que lexislou e cambiou cousas lexislando, iso é palpábel e está no Boletín Oficial da UE.

—Se revalida o seu escano en Bruxelas, cales son os retos que ten por diante?
Fixemos moita lexislación no ámbito climático e da transición enerxética e ecolóxica e agora hai que velo plasmado. Na Galiza somos netamente importadores de enerxías fósiles, imos moi lentos coa descarbonización, que pode ser unha oportunidade para o país. Eu quero que esa oportunidade de verdade se traslade á Galiza, por iso nas directivas de enerxías renovábeis tivemos moi en conta a realidade deses problemas de afectación social que está habendo no territorio para plasmalos na directiva, facendo normas que permiten que o territorio sexa tido en conta na planificación (algo que non fixo ben a Xunta da Galiza) pero tamén que eses beneficios que teñen as renovábeis poidan traer industria ao noso país é que boa parte deses beneficios queden no noso territorio. Para iso Galiza foi inspiración.

—O agro galego está ben tratado en Bruxelas?
Somos defensores da PAC, que ten mellorado e mellora as rendas dos agricultores e gandeiros galegos ano tras ano. Nos vindeiros días vanse entregar pola Xunta 400 millóns de euros, que son cartos europeos conseguidos polo Goberno de Espana en Bruxelas, e van ir a máis de 23.000 produtores agrogandeiros galegos. Creemos que a PAC tamén ten que contribuír a esa transición ecolóxica a un ritmo axeitado á realidade de cada país,  na Galiza temos un sector gandeiro moi forte e hai que darlle tempo a facer estas transformacións. A nova reforma da PAC ten máis en conta as explotacións con menos base territorial, ese era un dos deberes desa política.

Somos defensores da PAC, que mellorou e mellora as rendas de agricultores e gandeiros da Galiza

—E a pesca galega, en que situación está na UE?
A política pesqueira é a que máis descontento nos produce agora mesmo, sobre todo o feche de zonas de arrastre motivado por unha mala avaliación e falta de perspectiva da nosa realidade socioeconómica. Isto é unha constante nos últimos anos contra a pesca. Creemos que a política pesqueira común ten que cambiar para axustarse á realidade social e económica, tendo en conta o medioambiente tamén. O fondo europeo marítimo pesqueiro agora inclúe, grazas ao noso traballo, a acuicultura e por primeira vez as mariscadoras a pé recibiron fondos para completar as súas rendas. Pero a Xunta non está facendo a parte que lle corresponde. Agora temos 366 millóns de euros, eses fondos teñen que chegar á economía real. Ás veces a Xunta de Galiza por non poñer a súa parte dos fondos deixa sen executar outros.

A Xunta, por non poñer a súa parte dos fondos deixa outros sen executar 

—O galego vai chegar a Europa igual que ao Congreso e o Senado?
Levamos meses traballando niso e eu alcei a voz no noso grupo parlamentario europeo cando se falou disto porque se focalizaba moito no catalán, e dixen que ou imos todos ou non vai ningún. Agora o PP está pedindo un pacto pola lingua. É moi fácil, se queren consenso pola lingua, que apoien o galego no Parlamento Europeo. Se na mesa do Parlamento Europeo o PP di que o galego si, o galego entra na Eurocámara. Só fai falta o si do PP.

—Logo dos resultados na Galiza, Euskadi e Catalunya, como afronta o PSOE estas eleccións?
O noso estado de ánimo é moi bo. Somos o partido que máis sente as eleccións europeas. O votante tradicional socialista recoñece que o partido que máis o representa en Europa é o PSOE. Din todas as enquisas que quen mellor defende España e Galiza en Europa son os socialistas. Hai bo ánimo, houbo malos resultados na Galiza, houbo bos resultados en Euskadi e Catalunya e temos un presidente do Goberno que é recoñecido como un europeísta.

—Eses malos resultados na Galiza e a nova dirección do PSdeG en que punto colocan nestes intres o partido e a Besteiro?
O PSdeG está recompoñéndose cun proxecto galego e recoñecíbel polos galegos e as galegas que vai liderar Xosé Ramón Gómez Besteiro, con unidade e pensando con luces longas. Para ser críbeis, para gañar a confianza da cidadanía, precisamos unha traxectoria críbel e iso é o que nos faltou nos últimos anos e imos apostar por esas luces longas.

—O domingo en Palas de Rei 20.000 persoas dixeron “Altri non” e escoitáronse tamén algúns reproches á posición do PSdeG sobre a macrocelulosa…
Alí había moitos e moitas socialistas, alcaldesas, concelleiras e as Xuventudes Socialistas do PSdeG. O Partido Socialista estaba presente. Quen ten que dar explicacións é a Xunta e facer a avaliación ambiental que lle corresponde. Logo veñen outras partes do proceso. Eu vexo moi complicado recibir fondos europeos se se produce dano ambiental, porque estes fondos teñen máis exixencia. É complicado facer unha megacelulosa no centro da Galiza cumprindo eses criterios ambientais. Comprometinme coa Plataforma Ulloa Viva en que , cando ese problema chegue a Bruxelas, sermos moi escrupulosos. Hai dous criterios que esa industria pon en risco: o ciclo da auga e a biodiversidade. Teño total confianza en que Teresa Ribera non vai permitir que se faga nada en contra do medio ambiente.

—Entón, Altri si ou Altri non?
O reducionismo do si ou non lévanos a un mundo binario, o mundo non é binario, ten claros e escuros. Se me din que os fondos europeos van para unha fábrica de fibras téxtiles sostíbel diría “Altri si”, pero se me din que van só para unha celulosa diría “Altri non”. Cando haxa unha avaliación ambiental da Xunta seguramente nos iremos posicionando porque hai moito percorrido.


De perto: Fan da Serra do Candán, do Balonmán Lalín e do cocido

1) Último libro que leu?
Estou lendo Calle este oeste, un libro de Phillip Sands. Fala do proceso do xuízo dos nazis desde a orixe, da historia do autoritarismo en Europa.

2) Series ou películas? 
Depende do tempo que teña, vexo máis series. Agora estou vendo Normal people, que fala das relacións entre persoas, de modo moi humano e agarimoso.

3) Un plan de sábado fóra da campaña?
Se estou en Lalín, empezaría saíndo a andar ou correr pola Serra do Candán, comer na miña vila nun dos moitos bos restaurantes que hai. Despois a sesta non pode faltar a fin de semana. Tamén ir ver un partido de balonmán do meu equipo, o Balonmán Lalín e tomar algo cos amigos e a familia.

4) Cal é a súa bebida e comida preferida?
Sendo de Lalín vou dicir cocido. Os viños galegos que máis me gustan son os Valdeorras que levan algo de garnacha.

Comentarios