Onde sitúa os eixes básicos da política municipal do BNG?
Somos unha alternativa nacionalista e todas as nosas experiencias e accións de goberno municipais están inseridas nun marco nacional. Hai uns principios que teñen que ver co respecto e a promoción do noso, do noso patrimonio, da nosa cultura, da nosa lingua. E este marco nacional sempre se ten que adaptar á realidade de cada concello. A garantía que temos no BNG é que á xente lle ofrecemos algo coñecido. Temos experiencias de goberno moi respectábeis, a marca BNG, algo solvente, algo serio. Somos quen de xestionar con obxectividade, con transparencia, e tendo en conta as nosas potencialidades. Liñas estratéxicas? A optimización de recursos, xestión pública de servizos, defensa da nosa identidade, e equidade na prestación. Uns principios que acabamos de aprobar no último Consello Nacional e que temos en conta para a elaboración de todos os programas municipais.
Alén de Allariz e Pontevedra, emblemas municipais do BNG, manexa outras referencias?
Os concellos BNG son marca de referencia e de respecto. A estas alturas, son respectados pola xente que nos vota e mesmo por quen non nos vota. Hai unha serie de cuestións que saben que co BNG están garantidas. Penso en concellos pequenos, tipo San Sadurniño -referente na xestión de gobernos rurais de pouca entidade poboacional-, ou en Barro, que acaba de chegar e xa é referente de cambio e de alternativa. Pero tamén en vilas e cabeceiras de comarca, como Carballo, como Allariz, como Tomiño, de entidade media. E no ámbito das cidades temos Pontevedra. Somos quen de adaptar o noso discurso ás diferentes realidades e ser referencia de bo goberno.
Dicía que un dos eixes políticos do BNG é a xestión pública de servizos, mais o marco legal faina complicada.
Totalmente. Dentro das bases democráticas para a elaboración de programas aprobamos a defensa dos servizos públicos e a preferencia da xestión directa. Iso implica sermos moi críticos e mesmo belixerantes co marco lexislativo que o impide. Porque existe todo un contexto normativo que dificulta a xestión directa dos servizos. Vemos que se privatiza non só a prestación de servizos senón a propia administración. Por exemplo, obrígase á administración electrónica pero con empresas privadas. Nós somos belixerantes porque pensamos que hai que garantir a existencia de servizos públicos e a súa boa prestación. E sempre que se poida, xestión directa para que exista un maior control. E non o temos que circunscribir á administración local. A Xunta e o Estado tamén privatizan. De facto, os concellos son os que máis dificultades teñen, porque a administración local nin sequera lexisla.
[Podes ler a entrevista íntegra no número 290 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]