O número 3 da lista Somos Quen abandona o Consello das Mareas disconforme coa nova dirección

Continúan axitadas as augas na confluencia. O concelleiro de Vilalba Aberta Modesto Renda -número tres da candidatura liderada polo parlamentar Davide Rodríguez nas primarias de xaneiro- deixa o Consello das Mareas por diferenzas coa nova dirección do partido instrumental.

Modesto Renda
photo_camera Modesto Renda, nun acto de En Marea, co micrófono na man

Renda fixo parte da candidatura Somos Quen, representada agora por tres membros na recén eleita Coordenadora (Executiva) da confluencia, mais está claro que está lonxe de estar feliz coa recomposición das distintas forzas en xogo na dirección de En Marea.

Nun comunicado de imprensa recollido por Europa Press, o edil de Vilalba Aberta afirma que o domingo, no transcurso da reunión do Consello das Mareas, rexeitou a hipótese de se integrar na Coordenadora por esta nacer dunha "nova maioría" da que por unha cuestión de principios nen pode nen quer facer parte.

O que viría a dicer Renda -que afirma ter votado Luís Villares como portavoz por "disciplina"- é que non dá a súa benzón á alianza formada polos villaristas e as listas Somos Quen e Queremos Participar.

Esa nova maioría nace após Luís Villares rachar con parte dos componentes -a Anova oficial, o Podemos crítico con Carmen Santos, Esquerda Unida e a Marea Atlántica- cos que se apresentou ás primarias baixo o rótulo común de Máis Alá.

Renda alega o "respeito polas bases" á hora de explicar as razóns que o levan a deixar o Consello das Mareas, o máximo órgao da confluencia entre plenarios.

Nun post en Facebook, explica que se fai a un lado en parte pola dificuldade que entraña se sentir vinculado a dúas "lexitimidades" en parte contraditorias, a emanada dos plenarios de Vigo (asemblea constitutiva) e Compostela e a xurdida nas primarias de xaneiro.

Esa contradición tería a ver co feito de que no plenario de Compostela a maioría votou por non incompatibilizar Villares para ser portavoz da confluencia, mentres que na consulta de xaneiro foi aprobado un documento -o apresentado paradoxalmente pola candidatura liderada polo ex maxistrado- en que si se consideraba o voceiro parlamentar como inelixíbel para ser o número un orgánico.

En todo caso, o concelleiro mostra o seu "inquebrantábel" compromiso coa confluencia "namentres continúe a ser a ferramenta aberta e democrática que entre todas nos comprometemos a edificar"

Comentarios