Pontón lamenta que Galiza padeza un “Feijóo incapaz” perante uns orzamentos que son “o recortazo”

Nunha entrevista na Cadena Ser, a portavoz nacional do BNG emprazou o presidente a que se posicione contra unhas contas que son prexudiciais para o país.

ana ponton cadena ser
photo_camera Imaxe: Cadena Ser

Os orzamentos do Estado traen para Galiza “un recortazo” fronte ao que temos un presidente da Xunta “atados de pes e mans e incapaz de defender Galiza”. Así se manifestou a portavoz do BNG, Ana Pontón, na entrevista que este domingo lle fixo na Cadena Ser a xornalista Aida Pena. Núñez Feijóo “presentouse ás eleccións co lema Galiza, primeiro, e igual temos que denuncialo por publicidade enganosa”, ironizou a voceira nacionalista, que instou o presidente a se posicionar contra uns orzamentos que, reiterou, marxinan e prexudican Galiza. Neste punto, Pontón lembrou que o PP de Valencia si que criticou os orzamentos do estado para este territorio, convidando os populares galegos a tomar nota e defender os intereses de Galiza por riba dos do partido.

Preguntada sobre quen ve como sucesor de Núñez Feijóo, a portavoz do BNG indicou que “o substituto de Feijóo é Feijóo” e que vía o presidente mergullado na campaña elctoral das municipais, centrado en “facer oposición aos gobernos locais” máis que en gobernar a Xunta.

No que atinxe a En Marea, respondeu que ese partido e o BNG teñen “proxectos diferentes”, engadindo que a xente “cada día ten máis claro quen é quen e os camiños e proxectos que cada quen representa”. Preguntada sobre a xente que nestes anos marchou do BNG, asegurou que o Bloque ten as portas abertas “a todos os galegos, os que estiveron [no BNG] e os que non”.e afirmou que tiveran máis de 400 altas nos últimos tempos. 

Comentarios