O PPdeG ve unha oposición "débil", co BNG "do non" e un PSdeG que "tenta ir en coalición con Sumar"

A secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, declarou  que o seu partido "é forte" e lembrou que estiveron en varias ceas  con "máis de 2.000 persoas apoiando ao presidente Rueda".
Paula Prado en rolda de prensa.
photo_camera Paula Prado en rolda de prensa.

A secretaria xeral do PP de Galiza, Paula Prado, remarcou que "ven unha oposición débil" de face ás eleccións autonómicas que se celebrarán en 2024, cun BNG que leva "40 anos expondo os mesmos posicionamentos para a Galiza" e un PSdeG que busca unha coalición con Sumar "porque non chegan" a obter os votos para ser "a alternativa ao PPdeG".

Así o sinalou este domingo en Redondela preguntada polos medios de comunicación. Prado remarcou que o BNG "do non, segue sendo o BNG do non" aínda que, engadiu, "ponse un disfrace de moderación, ninguén lle compra o seu discurso".

"Vemos a un BNG que se ausentou do discurso do Rei a semana pasada, vimos como tamén non aplaudiu a Zelensky porque está máis con Putin que cos cidadáns de Ucraína, vemos a un BNG sumiso ao independentismo catalán e ao independentismo vasco", apostilou.



Neste sentido, incidiu en que cren que o Bloque "non está a pensar na Galiza", senón que "unicamente" pensa nos seus "intereses independentistas, nos seus intereses absolutamente partidistas".

Por iso, declarou que ven a unha "oposición débil" xa que o PSdeG tamén "está a tentar" que Sumar forme con eles unha coalición porque "ven que non chegan" eles sós para ter os votos suficientes e ser a "alternativa ao PPdeG".

En contraposición, enxalzou que o seu partido "é forte" e lembrou que estiveron en varias ceas na provincia de Pontevedra con "máis de 2.000 persoas apoiando ao presidente Rueda" e con "o seu proxecto" para a Galiza.

Comentarios