Eleccións Europeas 9-X

Besteiro celebra o "bo resultado do PSdeG", malia perder a primeira posición nas europeas

O eurodeputado Nicolás González Casares revalida o escano e sinala que o PSOE “mantense firme” como segunda forza en Galicia co 27% dos votos, a máis de 11 puntos da terceira forza.

Gómez Besteiro e González Casares valorando os resultados das eleccións europeas (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gómez Besteiro e González Casares valorando os resultados das eleccións europeas (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apuntou na noite electoral deste 9 de xuño que as eleccións europeas ratifican os socialistas como “referencia da esquerda” ao tempo que na Galiza camiñan na senda da reactivación, co 27,01% dos votos. Gómez Besteiro fixo unha valoración da xornada que seguiu na sede do PSdeG en Santiago xunto co eurodeputado galego Nicolás González Casares e membros da dirección do partido.

Sinalou que os resultados na Galiza reflicten unha porcentaxe de apoio “importante para o PSdeG”, nun contexto “extraordinariamente adverso” no país e en toda España, onde se sitúa como segunda forza moi perto da primeira. Explicou que resulta un “gran resultado” nas eleccións europeas “máis importantes da historia” que tira por terra as expectativas coas que se presentaba o PP, que pretendía “arrasar” e quedou nun “empate”.

Alertou do “dobre fracaso” de Núñez Feixoo e Rueda, que non conseguiron levar a bo porto a súa estratexia de facer da convocatoria un plebiscito sobre a figura do presidente do goberno e que, lonxe de arrebatarlle votos á extrema dereita, demostraron que “o PP potencia moitísimo o voto da ultradereita”. Esixiulle ao PP un período de reflexión para abandonar a “política do barro e do fango” e que rexeite os contactos coa ultradereita que “non deben ser aceptados en democracia”.

Ademais, o líder dos socialistas galegos felicitou ao eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares, que revalida o seu escano para os próximos 5 anos e que avala o seu traballo desde a Cámara europea con “proximidade total” á cidadanía e aos sectores produtivos.

Muro de contención

O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, dixo que os resultados destas eleccións demostran que os socialistas mantéñense “firmes” a pesares do “acoso e derribo do PP, que abrindo as portas á extrema dereita non conseguiu dobregar ao PSOE”, consolidado como “o mellor muro de contención contra a ultradereita que sube en Europa”.

Explicou que os próximos 5 anos traballarán como “parapeto contra a ultradereita” en Europa e para ser “a voz e a influencia” da Galiza cunha presenza de peso “nun dos principais grupos do Paramento Europeo” grazas aos resultados na Galiza. Salientou que o traballo dos socialistas galegos ben avalado nesta país polos sufraxios que os sitúan como segunda forza, coa terceira “moi lonxe en distancia”, a máis de 11 puntos.

Advertiu que “non confiar no PSOE pode ser perigoso para este país”, sinaladamente cun PP que “pon en perigo á democracia” cunha estratexia coa que “non só lle está abrindo as portas á ultradereita, senón tamén á ultradereita antisistema”. Reclamoulles que rectifiquen o “discurso do lodo e do fango”, que “empeora a democracia e a relación política entre as nosas forzas”.

Comentarios