Embora nun primeiro momento supor un atranco para negociar o "pacto anti-terrorista", o PSOE apoiará a "prisión permanente revisábel" incluída na reforma do Código Penal. Así o avanzaron eldiario.es e El País. Segundo ambas as dúas publicacións a proposta que será remitida esta terza feira ás demais forzas políticas --na procura de máis grupos asinantes-- incluirá a proposta d@s socialistas.
Neste senso, en troca da idea inicial achegada polo PP e na que se prevé punir os delitos de "terrorismo" que causen morte de persoas coa pena de "prisión permanente revisábel" --unha sorte de cadea perpetua encuberta-- o texto lexislativo apuntará ás "penas previstas no artigo 35 do Código Penal". Un punto pendente de modificación á espera de se aprobar, definitivamente, no Senado a reforma deseñada polo goberno español e á que o PSOE votou en contra na Cámara baixa.
Rexeitamento
Segundo a proposición de lei aprobada no Congreso "son penas privativas de liberdade a prisión permanente revisábel, a prisión, a localización permanente e a responsabilidade persoal subsidiaria por impagamento dunha multa".
Até 60 catedrátic@s de Dereito Penal e Amnistía Internacional opuxéronse a unha medida que coidan unha cadea perpetua encuberta
A esta medida amosaron o seu rexeitamento todos os grupos da oposición --incluído o PSOE-- e até 60 catedrátic@s de Dereito Penal de 33 universidades públicas do Estado español, o Consello Xeral do Poder Xudicial, Greenpeace e Amnistía Internacional. Segundo os manifestos difundidos a prisión permanente revisábel supón unha cadea perpetua encuberta ao seren as condicións da revisión tan duras que, de facto, torna imposíbel a devandita revisión da condena.
Neste senso, a oposición coida que a súa aprobación pode contravir o principio de reinserción recollido na Constitución española.