O PSOE elixirá o novo líder cunhas primarias organizadas polo aparato

A dirección socialista opta pola “solución galega” e convocará unha consulta entre a militancia para elixir ao substituto de Rubalcaba, coa presidenta de Andalucía como favorita e as normas da elección ditadas desde a elite do partido.

Alfredo Pérez Rubalcaba, secretario xeral do PSOE
photo_camera Alfredo Pérez Rubalcaba, secretario xeral do PSOE

Participación, pero controlada. Finalmente, o PSOE elixirá o seu novo líder estatal cunha consulta non vinculante pechada á militancia do partido e que logo dará paso a un Congreso con delegad@s, que en principio respectará a decisión tomada nas urnas do partido.

Asume así a dirección que aínda encabeza Alfredo Pérez Rubalcaba a fórmula galega, aquela que tanto lle custou implementar ao ex-líder do PSdeG -Pachi Vázquez- e que finalmente rematou coa elección de Xosé Ramón Besteiro, que tampouco serviu para reactivar a formación en Galiza, circunstancia esta moi representativa dos problemas que encara o PSOE e que non está claro que poida solucionar con este método.

Susana Díaz ten como idea central para o partido a defensa da "unidade de España"

A presión de varios cadros serviu para que “os baróns” socialistas renunciasen a súa intención primeira de convocar directamente un Congreso Extraordinario e apostasen por esta fórmula, que engade maior participación pero queda lonxe das famosas primarias abertas das que tanto presumía o PSOE nos últimos meses. Porque a consulta será dirixida polo aparato. E non terán acceso a ela @s simpatizantes. @s candidat@s terán que conseguir o aval de 200 delegad@s, o que deixa todo en mans d@s dirixentes, con moitos máis recursos para obter apoios e negociar desde arriba.

Susana Díaz, a presidenta de Andalucía -cuxo discurso ten como elemento central a unidade de España- semella a preferida pola actual dirección para substituír a Rubalcaba, malia que tamén ten opcións o deputado vasco Eduardo Madina. Hai máis dúbidas sobre as candidaturas de Pedro Sánchez e Carme Chacón, que preferían primarias abertas inmediatas. Con todo, agora mesmo o do PSOE semella ser un simple debate nominal, sen que se coñezan grandes novidades ideolóxicas e coas elites do Estado mantendo a aposta por unha coalición sistémica entre socialistas e PP.

Comentarios