Remodelación no goberno de Pontevedra

Non hai cambios de cara mais si de responsabilidades. "Creo que vai a ser positivo para dar un impulso ao resto do mandato municipal", afirmou o alcalde, Fernández Lores.

Miguel Anxo Fernández Lores
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores

“Especialmente contento”, así confesa sentirse o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, coa remodelación “profunda” no seo do goberno local, uns cambios que afectan a competencias e responsabilidades mais non aos concelleiros. Unha variación que se produce a metade de mandato, tanto para se adaptar aos retos e cambios nestes dous anos como, indicou Lores, para “dar un impulso ao resto do mandato municipal”.

No novo organigrama, que se fará efectivo esta sexta feira, día 21, Anabel Gulías pasa a sumar Urbanismo e Centro Histórico á súa competencia de Promoción económica. Demetrio Gómez, que se encargaba de coordinador rural, mantén esta responsabilidade e asume Mobilidade, Obras, Transporte e Participación Cidadá.

Anxos Riveiro mantén Deporte mais despréndese de Cultura, pasando a asumir Servizos Sociais. De por parte, a responsábel até agora destes servizos, Carme Fouces, pasa a ter Cultura e mantén Educación e Igualdade.

Carme da Silva, coordinadora do grupo do BNG

Carme da Silva pasa ser a nova coordinadora do grupo municipal do BNG, substituíndo César Mosquera – que segue con Ordenación do Territorio e Infraestruturas-. Da Silva cede Urbanismo, que pasa a Anabel Gulías, e mantén Seguridade Cidadá. Alberte Oubiña é responsábel de Xuventude, Normalización Lingüística, Xardíns ou Novas Tecnoloxías, entre outras.

Luis Bará compatibilizará o seu cargo de parlamentario coas responsabilidades de Memoria Histórica ou Patrimonio Cultural no Concello. Reimundo González, para alén de se manter como portavoz do goberno local e concelleiro de Economía e Facenda. A maiores, asume a responsabilidade de todos os procesos de contratación que se fagan desde o Concello. 

Comentarios