A Xunta confía en ter a finais de ano todos os informes sobre Altri: "Por agora son favorábeis"

"Se cumpre, por que non vai obter financiamento europeo", recalcou a responsábel de Medio Ambiente da Xunta da Galiza.
Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda. (Foto David Cabezón Sunta da Galiza)
photo_camera Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, apuntou esta sexta feira que confían en que, a final deste ano, estean listos todos os informes relacionados coa posíbel implantación da macrocelulosa que Altri proxectou na Galiza, un proxecto para o que, lembrou, "por agora, todos os informes son favorábeis".

Sobre as palabras do ministro de Economía, Carlos Cuerpo, en contra desta factoría, Vázquez pediu "seriedade", que, "nun Estado de Dereito, ten que estar baseada nas leis". "O que eu podo avanzar é que estamos a traballar para ter esa declaración de impacto ambiental, que se cumpre será favorábel e se non cumpre será desfavorábel", dixo a conselleira, que insistiu en que "por agora", os informes recibidos "son favorábeis" mesmo con "maiores esixencias".

As emisións cumpren 

Para Ángeles Vázquez, o que "non ten sentido" é dicir que "como non me gusta, por tanto non vai haber financiamento", sobre todo tendo en conta que "a partir do ano 2025" a estratexia téxtil de Europa fará necesario ter acceso ao tipo de fibra que Altri di querer trabllar na planta de Palas de Rei (A Ulloa).

Neste sentido, razoou: "Se Europa pide un novo material e unha empresa ten a opción de instalarse na Galiza, a min que me expliquen, se cumpre, por que non vai obter financiamento europeo".

A conselleira de Medio Ambiente expresou o seu desexo de que o proxecto "non estea nun caixón" e "se traslade a Europa" para pedir estes fondos que, "se non van para Galiza, ben os levará outra comunidade autónoma, ben llos levará outro país". "Sexamos o suficientemente intelixentes", pediu Ángeles Vázquez.

En canto aos prazos que se marca a Xunta da Galiza, Vázquez dixo que esperan ter todos os informes que require a irrupción de Altri na Galiza "ao final deste ano", unha previsión que, valorou, vai "na boa liña".

"Se algo preocupaba era esa desinformación que había na rúa sobre as emisións. Está o informe e cúmprese coas emisións da Directiva Europea e estase moi por debaixo do cociente que pide a Organización Mundial da Saúde", resolveu a conselleira.

Comentarios