Xuntos Podemos só ve como opcións de consenso a Carmen Santos ou Beiras

carmen santos podemos

Xuntos Podemos, a corrente herdeira de Bases Podemos, enviou aos meios un comunicado en que mostra a súa oposición a ir en coligazón coas Mareas no seu actual “formato” por considerar que o seu funcionamento organizativo non é o suficientemente democrático nen garante a liberdade de participación “doutras organizacións”. 

Este grupo de militantes independentes de Podemos Galiza -que esclarecen no sue comunicado non son nen errejonistas nen pablistas e que teñen a Carlos González Armada como portavoz- afirman ter chegado a esta conclusión após “ler e analizar” os documentos organizativos e o código ético das “Mareas en Común”.

Afíns a Carmen Santos, Xuntos Podemos non dá por fechado o debate de se o partido morado vai só ou en coligazón ás galegas e propoñen que a decisión se adopte nunha “asemblea autonómica” e con “votación presencial”, en urna ou a man alzada, isto é, non telemática.

Aliás, piden que a designación da persoa que encabece a lista ás eleccións galegas se realice nun proceso de primarias abertas e con diferentes candidatos, o que os coloca moi lonxe da posición dos tres alcaldes das Mareas que estes días mostraron a súa inclinación por achar un candidato de consenso que en todo caso se submetese a unha votación de ratificación.

“Non somos partidarios dun candidato de consenso, o candidato ten de saír dun liderado natural, os líderes non se fabrican, sono por natureza, polo tanto nunha votación libre as bases elixirían un candidato con liderado e non por consenso que se coloca no posto a unha persoa por acordos e non se sabe con que obxectivos ou motivos”, afirman no comunicado.

Xuntos Podemos piden que a asemblea autonómica do partido decida con voto presencial se van sós ás galegas ou en coligazón con Anova, EU e as plataformas municipalistas

Mais toda norma ten as súas excepcións e esta tamén: “Os únicos candidatos por consenso admisíbeis neste proceso serían Carmen Santos por ser a líder do motor do cambio, do partido con máis achega de capital humano, votos e importancia nos meios, ou no seu defeito Xosé Manuel Beiras por ser unha autoridade e persoalidade relevante de Galicia (sic)”.

Beiras, si, mais sempre, enfatizan, que “esa candidatura mantivese por detrás o liderado grupal de Podemos Galicia…esta é -din- a única forma de derrotar o PP e o PSOE”.

Neste momento, Xuntos Podemos é o principal soporte dunha Carme Santos que está en minoría no Consello Autonómico, enfrentada a Gómez Reino -o home forte de Pablo Iglesias na organización- e tamén a un Íñigo Errejón que a acaba de criticar por ter cesado a tres dirixentes críticos.

As fontes consultadas por Sermos apuntan o maxistrado Luís Villares como a opción de consenso que neste momento reuniría o apoio das plataformas municipalistas, lideradas pola atlántica coruñesa, EU, os sectores de Podemos próximos a Iglesias e Errejón. Anova aínda non ten tomado unha determinación definitiva ao respeito.

Comentarios