O maquinista do tren Alvia sinistrado en Angrois o 24 de xullo de 2013 e o que era director de Seguridade na Circulación de Adif no momento no que se puxo en funcionamento a liña serán sometidos a un xuízo oral, tal e como acordou o Xulgado de Instrución número 3 de Compostela.
O Ministerio Fiscal tamén considera necesario que o maquinista sexa inhabilitado para a súa profesión durante o tempo da condena.
Respecto ao outro acusado para o que se abre xuízo oral, o mesmo organismo require a inhabilitación durante o mesmo período para o exercicio de calquera profesión que implique xestión, seguridade ou responsabilidade en infraestruturas ferroviarias. Ambos serán axuizados polo Xulgado do Penal número 2 de Compostela.
O maxistrado do Xulgado de Instrución requiriu aos dous traballadores investigados e, no seu caso, ás aseguradoras -como responsables civís directas, ou ás entidades públicas Renfe Operadora e Adif, como subsidiarias- para que presten unha fianza de perto de 57,7 millóns de euros. Todo iso co obxectivo de asegurar as responsabilidades pecuniarias que se lles puidesen impor na sentenza.
Así mesmo, o instrutor apercibiulles de que, de non prestala, embargaránselles bens en cantidade suficiente para asegurar esa suma de tal forma que se poida facer fronte a un hipotético pago derivado do proceso que agora abre.
De conformidade co artigo 784.1 da Lei de Axuizamento Criminal, após a notificación do auto, realizada nesta cuarta feira, os acusados e os responsables civís teñen un prazo de tres días para comparecer na causa cun letrado e procurador ou, no seu caso, ratificar os xa designados. Contra a resolución non cabe interpor recurso, excepto no relativo á situación persoal dos acusados.
Reacción da plataforma de vítimas
A plataforma de vítimas do accidente amosou a súa satisfacción pola nova se ben considera que "unha xustiza lenta non é xustiza", pois xa chega o oitavo aniversario do sinistro no que faleceron 80 persoas.
A entidade confía en que o TSXG teña "palabra" e o proceso xudicial comece "no primeiro trimestre de 2022".