Adega presentou esta terza feira, 26 d eoutubro, día no que entra en vigor o novo Plan Forestal de Galiza 2021-2040, os primeiros resultados da súa campaña de denuncia contra plantacións ilegais de eucaliptos.
“Malia procurar entre os seus obxectivos a redución dun ridículo 5% da superficie ocupada con eucalipto para 2040, tanto a moratoria como o novo Plan Forestal semellan estar provocando o efecto contrario”, sosteñen desde a organización ambientalista.
Adega lembra que na campaña houbo unha aposta forte pola colaboración e participación cidadá, procurando trasladase á organización ecoloxista información sobre presuntas plantacións ilegais de eucalipto, cortas de bosque autóctono ou ocupación de terras de cultivo irregulares efectuadas con esta especie invasora.
Cumpridos seis meses desde o inicio da campaña, informa Adega, foron recibidos máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal, dos que máis de 200 son denunciábeis, afirma, e teñen que ver coa “plantación indiscriminada ou irregular de especies do xénero Eucalyptus no noso territorio”.
Cumpridos seis meses desde o inicio da campaña, informa Adega, foron recibidos máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal
Así, Adega informa que xa leva presentadas ante a Consellería de Medio Rural da Xunta e demais organismos competentes máis de 100 denuncias sobre plantacións, cortas e cambios de cultivo en parcelas que infrinxiron a normativa forestal, e nalgúns casos, tamén a normativa medioambiental, a de augas ou a de patrimonio.
Substitución de bosque por eucaliptal: o 60% dos casos denunciados
Até a actualidade, e tendo en conta que aínda fican moitas denuncias por tramitar, Adega informaque xa leva presentado diante da Xunta máis de 100 denuncias que atinxen á transformación irregular de máis de 80 hectáreas (ha) de terreo de bosque ou de cultivo en eucaliptal, o que equivale a máis de 197 campos de fútbol de superficie ocupados ilegalmente por esta especie foránea e invasora tras o anuncio da moratoria da Xunta.
Este feito, afirman, vén a constatar “a falta de control e vixilancia que houbo por parte da Xunta no monte galego tras o anuncio da moratoria do eucalipto, e como esta contribuíu a promover a infracción das normas en materia forestal, á aumentar as agresións ao medio ambiente e á superficie destinada á agricultura e gandería, as cales teñen cada día un acceso máis difícil á terra”.
Así pois, prosegue, das parcelas denunciadas até hoxe, o 40 % corresponde a plantacións de eucaliptos sobre solo de uso agrícola e pastos e o 60 % restante, a cortas a feito de masas de bosques autóctono, en moitos casos carballeiras.