Estalote, bilitroque, estralote, dedaleira, abeloura, croques, sanxuás... Estes son só algúns dos múltiples nomes cos que en Galiza se denomina esta planta (Digitalis purpurea), tan común no noso país. Até o de agora, da estoupona ou tastalás (outros dos nomes que recibe) coñecíanse as súas propiedades ornamentais, medicinais (contén unha substancia alcaloide, a dixitalina), así como o seu arraigo popular: na tradición galega, empregábase para protexer a casa contra meigallos e maleficios, colocándoa en portas e xanelas.
Pois a todas estas propiedades, agora súmaselle unha máis, e non menos importante que as citadas: a antirepresiva e solidaria. Así o procura Carlos Calvo Varela, independentista que leva desde 2012 preso en diferentes cadeas españolas e que suxeriu facer da semana previa ao San Xoán unha semana de “Sam Joám Anti-Repressivo e pola Liberdade d@s Pres@s Polític@s e Independentistas Galeg@s”, segundo o chamado de amigos que figura nas redes sociais.
De que se trata?.
Explícase no mencionado texto.“Como fazê-lo? Mui singelo. Saca unha foto pessoal ou de grupo com com um bilitroque ou vários, como melhor queiras, à vez que deixas umha mensagem de petiçom de liberdade ou do que considerares relacionado coa causa e envia a foto e a mensagem por mail [email protected] ou polo facebook à página @bilitroquescontraarepressom ou sube-a ti directamente às tuas redes sociais incluindo a etiqueta #bilitroquescontraarepressom”.
Nas redes sociais xa rulan imaxes de persoas que decidiron sumarse a esta iniciativa, entre elas Xosé Manuel Beiras, Anna Gabriel (CUP) ou Arnaldo Otegi, líder da esquerda abertzale e ex-preso.