Un total de 10 plataformas veciñais constituídas no último ano contra os proxectos eólicos previstos na comarca da Coruña, As Mariñas e A Montaña manifestáronse na tarde deste sábado pola vila de Curtis.
A marcha partiu ás cinco da tarde da rotonda de Curtis e contou coa presenza de veciños e veciñas dos concellos afectados, como Aranga, Curtis, Oza-Cesuras, Betanzos, Vilasantar, Abegondo, Carral, Cerceda, Sobrado, Mesía, Frades, Monfero, Paderne, Ordes, Boimorto e Guitiriz.
O rexeitamento aos proxectos eólicos de Caíño e Brancellao estivo moi presente na marcha. O primeiro deles, promovido por Enel Green Power, filial de renovábeis de Endesa, prevé erguer 33 aeroxeradores nos concellos de Aranga, Oza, Abegondo e Curtis, chegando a súa afección a Guitiriz
O parque eólico Brancellao, impulsado, tamén por Enel Green Power, aspira a levantar 25 aeroxeradores nos municipios de Boimorto, Frades, Carral e Curtis. Un e outro proxecto atópanse actualmente en fase do estudo no Ministerio de Transición Ecolóxica.
As dúas instalacións eólicas foron rexeitadas pola corporación de Curtis. Neste sentido, o alcalde do municipio, Javier Caínzos, destacou que presentan graves impactos para economía forestal e agrícola da zona. Na mesma liña, expresáronse outros concellos da comarca, como Vilasantar.
As plataformas impulsoras da mobilización lembraron que máis de 29 núcleos de poboación están a menos dun quilómetro do parque eólico Caíño. Na mesma dirección significan o impacto visual dos aeroxeradores, de máis de 200 metros de altura.
Apoio do BNG
A manifestación contou co apoio de representantes do BNG. A deputada nacionalista presente na marcha, Mercedes Queixas, sinalou que “son concellos onde xa se estaban tramitando outros parques eólicos, liñas de alta tensión e subestacións. Existe un importante descontento veciñal pola tramitación destes proxectos a escasa distancia das vivendas e cun importante impacto no patrimonio tanto natural como cultural”
O parlamentario do BNG, Xosé Luís Rivas, afirmou que “defendemos paralizar toda tramitación de proxectos eólicos na Galiza e elaborar unha planificación con criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio”
"Os parques eólicos que se pretenden instalar nesta mesma zona, non repercuten, en absoluto, de maneira positiva na economía da veciñanza dos concellos afectados. Non serven para o desenvolvemento socioeconómico das poboacións próximas nin xera riqueza no territorio, todo o contrario, contribúe ao abandono rural pois impide o desenvolvemento doutras iniciativas empresariais de aproveitamento agrogandeiro e forestal, sen xerar alternativas de emprego a cambio", concluíu Rivas