Pregúntate e infórmate. Estas son as primeiras palabras destacadas nos 10 consellos psicolóxicos para coidarnos na emerxencia sanitaria polo coronavirus que publican o Colexio Oficial de Psicoloxía (COP) da Galiza e mais o Colexio Oficial de Farmacéuticos (COF) da Coruña. O primeiro punto destaca a necesidade de estarmos ben informadas e atender a "fonte fiábeis" como as profesionais sanitarias, o Ministerio de Sanidade, o Sergas e a Organización Mundial da Saúde, entre outras.
Nas súas redes sociais ambas entidades lembran que Noam Chomsky sinalou que "se asumes que non existe esperanza, entón garantes que non haberá esperanza" e que "se asumes que existe un instinto cara á liberdade, entón existen oportunidades de mudar as cousas".
Sé solidaria, indican en segundo lugar, pois quedar na casa "é unha forma de protexerte a ti e aos demais". "Fala coas persoas que te rodean cunha actitude positiva e responsábel", engaden.
Observa o teu corpo e "escóitao". Ante calquer síntoma como "tose, febre ou dificultade para respirar" chama ao 900 400 116 "con tranquilidade" e evita ir aos centros de saúde e aos servizos de urxencias.
Estabelece rutinas de coidado. "Lava as mans con frecuencia, usa panos de usar e tirar e mantén a distancia recomendada con outras persoas".
Detén os "malos pensamentos" e "substitúeos por outros máis positivos". "Vive o día a día", salientan.
Sentir medo, preocupación, ansiedade e estrés... "é normal ante unha situación tan excepcional". Todas as emocións "son necesarias" e vanse "adaptando". "Se observas que as túas emocións son moi intensas e non es capaz de xestionalas" a recomendación é clara: pide axuda a todas as profesionais da sanidade.
Lembra as túas fortalezas. "Dentro de ti posúes os recursos necesarios para facer fronte a situacións adversas", afirman non sétimo punto, no que piden que nos poñamos en marcha para "afrontar dunha maneira saudábel" a nova situación.
Organízate na casa e no traballo. "Comparte as tarefas domésticas" na casa e "explica a túa situación" no traballo. Se tes que teletraballar estabelece un "espazo" e un "horario" porque "as rutinas dan sensación de normalidade e de control".
Mantente en contacto coa familia e coas túas amizades. "Aproveita a tecnoloxía para comunicarte" e fai bo uso do "humor" (e da nosa retranca).
Oportunidade en tempos de crise. Reflexionar, ler, xogar coas crianzas e facer aquilo para o que nunca había tempo... "Tócanos vivir un momento excepcional e temporal do que todas imos aprender".
E as recomendacións rematan así: "Esta situación ten un comezo e un final; desta saímos xuntas".