Un bebé de cinco meses de idade faleceu na cidade de Vigo como consecuencia dunha meninxite neumocócica apenas dous días despois do seu ingreso no Hospital Álvaro Cunqueiro.
Segundo fontes consultadas por Europa Press, os feitos ocorreron a principios de decembro, cando a familia acudiu a Urxencias en até dúas ocasións debido a que o seu fillo presentaba síntomas de catarro.
Días despois unha ambulancia tivo que trasladar o neno ao centro hospitalario tras empeorar a súa situación. Alí diagnosticáronlle meninxite neumocócica, doenza que provocaría o falecemento do bebé logo de 48 horas ingresado.
O Sergas nega neglixencia ningunha
Pola súa parte, desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) indicaron que o falecemento do bebé foi debido á meninxite que padecía, cunha evolución tórpida. "Trátase dunha bacteria moi agresiva, que provoca unha enfermidade moi grave, unha sepse, que ás veces pode ter un desenlace fatal, como neste caso", lamentaron.
"Os profesionais do servizo de Urxencias pediátricas actuaron en todo momento correctamente e segundo os protocolos estabelecidos. En ningunha das súas dúas visitas a Urxencias o bebé presentou signos ou datos a exploración que fixesen sospeitar desta enfermidade", engadiron.
A área sanitaria de Vigo ofreceu as súas condolencias á familia e púxose á súa disposición para calquera "aclaración ou dúbida" que puidesen ter en relación coa asistencia prestada ao seu fillo, segundo o Sergas.