A Estatística de migracións que vén de publicar o INE indica que o ano pasado marcharon de Galiza perto de 25.000 persoas, 10.000 ao estranxeiro e case 15.000 a outros territorios do Estado. Desde 2009, un total de 202.052 galegos tiveron que coller as maletas.
- Perto de 25.000 persoas tiveron que abandonar Galiza en 2015. Unha cifra para nada pequena que se vén sumar a outras cifras tampouco para nada pequenas dos anos anteriores.
-O primeiro que confesan esas cifras é que, contrariamente ao que se nos está a dicir, a crise non acabou. Non rematou nun aspecto tan importante como é o do emprego, por moito que haxa datos macroeconómicos que aponten a mellorías na economía. Nun mercado cada vez máis globalizado a xente moza vai atopar fóra o que non encontra aquí, en Galiza. E levamos anos así, con esta sangría demográfica. Aquí o emprego que se crea é pouco, precario, pouco cualificado... Galiza non pode así ofrecer unha estratexia de vida para a xente moza que, perante este escenario, opta por marchar. Eu mesmo estou por crer que hai un interese político do poder en todo isto, en ficar cun país aventellado e sen mocidade. Non se entende que esteamos a expulsar xente nova, cualificada, e que non haxa nin unhas mínimas medidas para intentar reverter iso. Galiza carece de política demográfica e iso é un fracaso.
AXunta non están a facer nada, hai unha deixadez de responsabilidades tremenda
- Esta emigración continuada e masiva vai pasar factura tanto a curto como a longo prazo. Cal serían as rincipais consecuencias?
Unha xa a estamos a notar, o avellentamento demográfico. Temos un país cunha porcentaxe moi elevada de maiores de 65 anos. Non vai ser difícil cambiar esa tendencia, teriamos que ter fluxos importantes de inmigración e iso non é o caso nin agora nin se prevé que en breve. Unha poboación moi vella implica, entre outras cuestións, un gasto importante. Tampouco podemos esquecer que estamos a facer investimentos importantes en educar e preparar unha mocidade que despois expulsamos para que vaian traballar a outras economías, desprendémonos de man de obra cualificada en cuxa formación investimos e ficamos cunha economía cada vez máis precarizada.
- Mais reverter a situación non será algo doado. Que sería o primeiro a facer para trazar as liñas que permitan dar a volta a esta tendencia?
Eu creo que deberiamos ter moi clara unha política decidida de emprego e demográfica. E isto implica unha política na que as administración teñen que implicarse, ten que haber gasto público: en políticas activas de emprego, en actuacións concretas e decididas naquelas comarcas demográficamente en peor situación. Porque neste país o que está a acontecer é grave, é un desastre. Nomeadamente no interior, a Galiza interior está a ser a gran perdedora, co despobomento, avellentada...
- Feijóo insiste en tirarlle ferro á situación. Afirma que o saldo migratorio é positivo para Galiza ou que o importante, máis que frear a emigración, é ter máis fillos
Non están a facer nada, hai unha deixadez de responsabilidades tremenda. Aquí o único que lles importou foi a austeridade, cadrar as contas aínda que iso supoña que o país se desangra. Como se pode relativizar a importancia da constante perda de poboación que sofremos? Como se pode minimizar a emigración?
Imaxe: Amizade cerveira