A convocatoria foi tamén apoiada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e pretende facer fronte á LOMCE e ao modelo 3+2. “Esiximos unha lei de educación porque entendemos que o debate do ensino está totalmente desterrado da axenda política”, di en declaracións a Sermos Galiza a responsábel de Organización de Erguer, Iria Figueroa, quen sinala como a subcomisión designada polo Congreso aínda non se reuniu “cando hai moitas forzas políticas españolas que xa en principio declararan estar en contra da LOMCE e a súa intención de avanzar cara outro modelo educativo”.
Desde a organización estudantil explican que non ven “vontade” por mudar a situación. “Parece que a suspensión das reválidas do curso pasado xa é suficiente, e que a LOMCE acabará pasando sen pena nin gloria ou sendo substituída por un pacto entre forzas políticas que suporá unha mudanza moi leve na propia lei”, comentan. Porén, en Erguer apuntan a que “o verdadeiro problema de fondo da LOMCE non son as reválidas, senón o modelo antipedagóxico, elitizador e uniformizador, totalmente agresivo coas nosas realidades nacionais”.
O estudantado galego procura con esta xornada de mobilizacións que se recupere o debate sobre o ensino e aposta nunha lei galega de educación que permita á Xunta de Galicia recobrar as competencias educativas plenas nos contidos “e así poder coñecer a nosa realidade propia ao estudarmos, e non só un ensino que é igual en todo o Estado”.
Outro aspecto da lei que rexeitan é o modelo educativo que xira arredor dos exames “que determinan unha etapa enteira para o alumnado”. “Nós entendemos que ten que ser o contrario, tender máis cara á avaliación e aprendizaxe continuada, dotando de importancia á diversidade no ensino, a unha educación que teña máis en conta que non todas aprendemos ao mesmo ritmo”, manifesta a responsábel de organización.
“Agardamos que a greve desta quinta feira será amplamente secundada, cun grande éxito de convocatoria, e que por fin se amosará nas rúas o que xa fomos anticipando con campañas durante o inicio de curso”, comenta Figueroa. Refírese ao referendo sobre a lei de educación galega que Erguer realizou en 70 centros de ensino de todo o país. Participaron perto de 8000 estudantes, dos cales 94% votaron a favor dunha lei integral galega de educación como alternativa á LOMCE e ao plan Boloña.