Un mozo de nacionalidade marroquí denunciou sufrir unha suposta "brutal agresión xenófoba" na madrugada do pasado domingo día 2, na zona do porto de lecer da Coruña. A denuncia, á que tivo acceso a axencia Europa Press, foi presentada no Xulgado de Instrución número 1 da cidade herculina o pasado 4 de xullo e recolle que os feitos ocorreron entre as 3.30 e as 4 horas do día 2.
No documento, o denunciante explica que foi golpeado "de maneira contundente e incesante, especialmente na cara" polos porteiros do estabelecemento entre diversos insultos e alusións á súa procedencia de Marrocos, no que constituiría, segundo o seu relato diante da Xustiza, un delito de odio.
Como consecuencia da agresión, engade o escrito, o home foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), onde foi intervido polo persoal sanitario "por ter o tabique nasal afundido", entre outras lesións que presentaba.
Na mesma liña, fontes da Policía Nacional confirmaron ter constancia de que ás 3.50 horas da madrugada do pasado domingo día 2 houbera un incidente no exterior de Los Cantones Village, onde se produciron os feitos, entre os porteiros dun pub e outra persoa que sufriu unha agresión debido á cal tivo que ser trasladada ao Chuac, o denunciante.