O sindicato Unión Xeral de Traballadores (UXT-Galiza) reclamou á Xunta ser "máis incisiva" nas políticas de protección social, tendo en conta que os datos do INE confirmaron que o país fechou 2022 con máis de 630.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social.
Segundo sinalou o sindicato nun comunicado, estará "vixiante" ante a acción do próximo Executivo español, para que "non se "desarticule o 'paraugas' de medidas sociais" postas en marcha.
No marco galego, instaron a Xunta a ser "máis incisiva" xa que "non se pode baixar a garda".
Así, UXT explicou que case 200.000 persoas na Galiza viven en fogares con baixa intensidade de traballo, 9,5%; e que o risco de pobreza sitúase en 18%; mentres que a taxa de carencia material e severa chega a 6,3%.
"Pobres a pesar de ter emprego"
O sindicato volveu denunciar que a renda media por fogar e por persoa na Galiza segue estando por baixo da media estatal, e que 16,5% dos traballadores "pode considerarse pobre, a pesar de ter emprego".
A iso súmase que 70% das pensións son inferiores ao salario mínimo, e case 150.000 non chegan aos 500 euros.
Por todo iso, urxiu subir os salarios conforme ao custo da vida e garantir cláusulas de revisión nos convenios para evitar a perda de poder adquisitivo. "Como sociedade non podemos conformarnos con que a cuarta parte da poboación viva en risco de exclusión social ou pobreza, mentres as empresas de sector enerxéticos e doutros aumentan os seus beneficios e especulan cos prezos", subliñou UXT-Galiza.