Adega vén de poñer en coñecemento da Fiscalía ambiental e da Dirección Xeral de Conservación as ofertas de montarías de lobo, xabaríns ou rebezos en distintas páxinas de anuncios da internet, con “naturalidade e absoluta impunidade”. Nalgúns casos trátase de particulares que achegan un teléfono móbil e noutros casos os anuncios están publicados por empresas relacionadas co turismo cinexético, como é o caso de Cazaribeirasacra.es, que oferta na súa web a caza dun lobo por 2.800 euros.
Adega advirte de que a venda de trofeos de lobos está prohibida en Galiza e pode ser causa de delito penal. E é que o lobo fica sometido ao Decreto 297/2008, de 30 de setembro, polo que se aproba o Plano de xestión do lobo en Galiza. Este plano non permite que o lobo poida ser motivo de aproveitamento comercial nin permite a súa venda como trofeo. “Desde Adega consideramos que este tipo de prácticas, de se consumar, estarían incorrendo nun delito tipificado no artigo 335 do Código Penal, do que o lobo está sometido a unha norma específica sobre a súa caza, que é o Plano de conservación”, sinala a asociación.
Segundo a normativa citada, a caza do lobo en Galiza, no caso de demostrarse necesario, será xustificada mediante informe técnico. O Plano autoriza que a caza só se poderá acometer coa colaboración das asociacións de caza. Ademais, é obrigatoria a supervisión por parte dos axentes ambientais da Xunta de Galiza.
Caza de lobos “á carta”
Na páxina web de Cazaribeirasacra.es, que oferta a caza do lobo por 2.800 euros, convídase as persoas que o desexen a vivir “a experiencia única da inigualábel montaría española”, nun marco de “paraxes impoñentes e fermosos mosteiros”.
“Proporcionámoslle ao cazador un servizo integral desde a súa chegada até que finaliza a súa estanza na nosa hospitalaria terra galega”, recolle a web, que tamén oferta “unha coidada gastronomía”.