A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) cualificou a planta que a multinacional Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa) como unha "nova arma de eucaliptización masiva" para a Galiza.
Nun comunicado emitido esta terza feira, afirman que o proxecto "pretende facerse pasar como industria de fibra téxtil a base de celulosa" cando "só un terzo" da produción sería de Lyocell.
Para a entidade, trátase de "un novo exemplo de maquillaxe verde do sector eucalipto-celulosa na Galiza", que "se une" á planta de celulosa de Ence en Pontevedra. Neste sentido, afirma que as factorías da pasteira en Lourizán e en Navia, en Asturias, "son responsábeis directas de que o 28% do terreo forestal galego estea cuberto por eucalipto".
Para a SGHN, a instalación de Altri na comarca da Ulloa "incrementaría un 33% a produción de celulosa" na Galiza, o que profundaría na "eucaliptización imparábel" dos montes galegos.
A súa creación, engade, tería "un enorme impacto" nos ecosistemas terrestres e acuáticos, ademais de situarse nun "pésimo emprazamento", co que pide á Xunta da Galiza que free o seu desenvolvemento.
CUT tamén se opón á planta
Tamén manifestou a súa oposición á planta o sindicato CUT, que ve no proxecto de Altri unha "macrocelulosa". "Atila volve cabalgar na Galiza, volve á actualidade a política colonial que nunca deixou de existir", engade a central nun comunicado.
CUT apela á mobilización para "paralizar na rúa" a "celulosa" da Uloa, que "non vai parar o politiqueo nin a pose politiqueira".