Continúa o xuízo contra o sacerdote do colexio Salesianos de Vigo, Segundo C.V., presunto autor de doce delitos de abusos sexuais a seis menores que forman parte da comunidade educativa. Nesta cuarta feira compareceron tres das vítimas, que recoñeceron que chegaron a xuntar as liteiras para durmir xuntos e todos colocaron as “almofadas entre as pernas” coa intención de “defenderse” de que o relixioso volvese tocarlles.
Na sección cuarta da Audiencia pontevedresa, aludiron ao campamento de verán de 2019 no que tiveron lugar os supostos delitos. O programa estaba dirixido polo sacerdote e organizado polo colexio María Auxiliadora dos salesianos, a través da asociación xuvenil Abertal.
As vítimas contaron que, unha vez nesa acampada, o acusado tocoulles os xenitais e introduciu a man tanto dentro dos seus pixamas como nos sacos de durmir. Un dos menores que declarou afirmou que nunha noite un dos alumnos chegou a sufrir eses abusos “até once veces”.
Tamén forneceu luz sobre o asunto unha moza, que foi a que animou aos compañeiros a facer a denuncia. “Non denunciaron antes porque tiñan medo de que non lles cresen”. Pero avisoulles: “Como non o digades vós, dicímolo nós” e esa advertencia xurdiu efecto para que as propias vítimas dos abusos falaran.
Así, xa nesta cuarta feira, os mozos recoñeceron que cando acudir a un monitor do campamento “quedou en branco, en shock” e non fixo nada, polo que recorreron a outro que lles pediu que deixaran a porta da habitación aberta “e que gritasen” se aparecía o relixioso.
Neste contexto, xuntaron todas as camas e deitáronse “coas almofadas entre as pernas”. Así o contou unha das testemuñas, con xestos ansiosos que se detectaban malia declarar tras un biombo.
A postura dos avogados
“Os menores estiveron contundentes na súa declaración e sen contradicións co que xa manifestaran anteriormente durante a instrución”, destacou o avogado da acusación particular en nome da Fundación Amigos de Galicia, Francisco Javier Lago Calvo.
“Os monitores do campamento tardaron máis de 24 horas en chamar aos pais dos mozos e poñer os feitos no seu coñecemento”, destacou Aída Blanco, letrada de tres dos menores, que sinalou: “A actuación do colexio foi totalmente neglixente".