Un corte de chapa insolitamente retransmitido en directo

O corte da primeira chapa do flotel que Navantia construirá para a petroleira Pemex nos vindeiros vinte e oito meses tivo lugar esta quinta feira cunha escenificación impropia ou, cando menos, inusual no xeito de actuar da compañía pública, tan celosa sempre do que acontece no interior da factoría.

Corte chapa flotel
photo_camera Operarios no comezo dos traballos (foto Efe)


A convocatoria dirixida á totalidade da prensa e a insólita retransmisión en directo dos medios que directamente dependen da maioría parlamentar do Partido Popular –TVG e Radio Galega- provocaron a reacción dos sindicatos, que voltaron a cualificar de electoralista o evento nun acto que organizaron, xa á tarde, para denunciar “as mentiras” do Partido Popular a respecto da carga de traballo no estaleiro.

Nun comunicado, a sección sindical da CIG definiu como “sospeitosa a grande difusión que (Navantia) lle deu ao evento”. A central nacionalista criticou asimismo que o corte de chapa atenderá “únicamente a uns intereses electorais” e, nese sentido, lembrou que as quendas dos cadros de persoal que teñen que dar continuidade aos traballos “non están constituídas a día de hoxe”.

De feito, sinala que a previsión de inicio do “traballo real” non será antes de ben entrado o mes de xuño. O sindicato apuntou tamén que este fito da construción dun buque se celebra cando está a piques de rematar a campaña electoral das europeas do vindeiro domingo, que xa comezara co anuncio dun buque “gris”, o famoso BAM para a Armada española. “Non teñen rubor ningún”, manifestou a sección sindical da CIG, que sinala precisamente a quen fai este tipo de anuncios como “responsábeis da falta de carga de traballo que sufrimos”.

A CIG denuncia o eleitoralismo do acto e que as quendas dos cadros de persoal "non están constituídas a día de hoxe"

Tamén o denominado sector crítico de CCOO cargou contra o PP, cuxo “triunfalismo”, dixo, a través dun comunicado, “é totalmente infundado, unha auténtica manipulación”. Segundo as súas contas, no mellor dos casos –é dicir, se canda o flotel sae adiante en breve o BAM ou o parque de eólica mariña para Iberdrola en Alemaña- a ocupación media será de 1,7 millóns de horas anuais, insuficiente para ocupar o plantel de Navantia Ferrol -2.300 persoas- e sen a penas repercusión na industria auxiliar, que perdeu perto de 3.000 empregos nestes dous últimos anos. Por contra, o sector crítico de Comisións lembra que na década anterior, a carga de traballo anual media situouse en 4,2 millóns de horas.

Comentarios