Despedido após ser eleito delegado da CIG

O sindicato afirma que a empresa Gabadi procura amedrentar os traballadores.

non á represión sindical
photo_camera non á represión sindical

Esta cuarta feira decorreu en Ferrol o xuízo polo despedimento dun delegado da CIG en Gabadi, empresa onde só o 25% do persoal é indefinido. O despedimento foi, para o sindicato, “unha manobra cunha clara intención exemplarizante e coa fin de amedrentar ao resto dos seus compañeiros e compañeiras”. O avogado da CIG tentou aprazar o xuízo pois dúas das testemuñas citadas polo xulgado foran trasladadas a pasada semana pola empresa a traballar fóra: unha a Malasia e outra a Canadá. A xuíza rexeitou a solicitude.

Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria, cualifica de “curioso” que pola patronal acudira como testemuña o presidente do Comité, “cunha clara intención de darlle validez a todo o argumentado pola empresa”. Criticou que as empresas se aproveiten das facilidades introducidas polas reformas laborais para precarizar os traballadores e “para extorsionalos no individual e tamén no colectivo, conseguindo a través da ameaza e o medo, mesmo influír na constitución de comités de empresa e no seu labor”.

Gabadi conta cun cadro de persoal de máis de 200 traballadores, unha carteira de pedidos nacionais e internacionais estábel e ten previsión de manter o mesmo nivel de contratación no futuro, informa a central sindical. Porén, “só un 25% do seu persoal é indefinido”. A dirección, afirma Vidal, somete o persoal a unha rotación “endiañada” para que non consiga “antigüidade, seguridade, nin dereitos”. Para evitar ter que facer indefinido o persoal a empresa mándaos ao desemprego “un mínimo de 6 meses cada 18 meses. Estas prácticas, que cualificou de “abusivas e fraudulentas”, son ilegais, "tal e como ditaminou a Inspección Provincial de Traballo nunha acta de infracción contra a empresa".

Comentarios