Falece un operario ao que lle caeu unha árbore nunha perna en Cerceda

Tamén na xornada desta segunda feira outro traballador sufriu un accidente, neste caso unha descarga eléctrica, en Sobradelo, na central hidráulica de Carballeda de Valdeorras.
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
photo_camera Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press)

Galiza rexistrou nas últimas horas dous accidentes laborais, un deles mortal en Cerceda (comarca de Ordes) onde unha árbore caeu sobre unha perna a un operario, que acabou falecendo.

O outro ocorreu en Carballeda de Valdeorras (comarca de Valdeorras), cun ferido que tivo que ser evacuado.

No primeiro caso, foi a propia vítima a que contactaba o 112 sobre para informar de que sufrira un accidente e que, aínda que se atopaba liberado e accesíbel, custáballe respirar e tiña unha perna rota.

Coa información solicitada, os xestores do 112 mobilizaron até o lugar do suceso, na parroquia de Xesteda, a persoal da Garda Civil e do Servizo Municipal de Emerxencias, así como persoal sanitario.

Con todo, segundo fontes do operativo interveniente cando chegaron ao lugar tan só puideron corroborar o falecemento do home, veciño de Arzúa.

Accidente en Carballeda

Ademais, outro traballador sufriu un accidente, neste caso unha descarga eléctrica, en Sobradelo, na central hidráulica de Carballeda de Valdeorras.

O ferido foi evacuado ao centro hospitalario de referencia por unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Comentarios