O peso dos salarios no PIB descende na Galiza mentres sobe na UE e no Estado

Así se desprende do estudo sobre salarios e a remuneración do factor traballo na economía galega publicado esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Traballador (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballador (Foto: Nós Diario).

O peso dos salarios no produto interior bruto (PIB) galego caeu 0,5 puntos porcentuais en 2023, até situarse en 42,8%, o que supón cinco puntos menos que a media estatal, que se colocou en 47,9%, tras subir unha décima porcentual no último ano.

Así se desprende do estudo sobre salarios e a remuneración do factor traballo na economía galega publicado esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Este informe explica que o indicador continúa por baixo de datos de 2009, cando alcanzou o seu máximo na Galiza, representando os salarios 48% do PIB (no total do Estado supuña ese ano 49,6%).

A diferenza do que pasou na Galiza, tanto na economía española como na da Unión Europea (UE) a remuneración do factor traballo gañou peso no último ano sobre o PIB, con 47,9% e 47%, subindo unha décima e dúas décimas porcentuais respectivamente.

En termos correntes, a evolución da remuneración das persoas asalariadas na Galiza volve ser positiva en 2023, subindo 5,9%. Con todo, o aumento é o máis moderado en comparación cos outros espazos económicos, xa que no total do Estado subiu 8,8% e na UE 7%.

A remuneración por hora asalariada na Galiza chegou en 2023 aos 20,7 euros, 74% da remuneración por hora na Unión Europea (27,9 euros). No conxunto do Estado español, este dato é de 24,6 euros. Como na maior parte das economías occidentais, a remuneración das asalariadas concéntrase no sector servizos.

Sectores de actividade

En concreto, a achega dos servizos na Galiza á remuneración das asalariadas supón 72,63%, por baixo do dato estatal, de 78,78%, e do da UE, de 74,92%. Na Galiza, o peso do sector primario é superior, con 2,15%, máis que o estatal (1,08%) e que o continental (0,86%). Ademais, a industria representa no país 17,97% e a construción 7,25%.

Comentarios