Piden ano e medio de prisión para o comité da greve de 2013 na planta de residuos de Nostián

Os sindicatos consideran que se procura “criminalizar” a loita dos traballadores. A Fianza que se pide é de 400.000 euros.

greve nostián lixo residuos

A Fiscalía acusa o comité da greve que durante 108 días se desenvolceu na planta de tratamentos de residuos de Nostián ( A Coruña) dun delito de coaccións e outro contra os dereitos dos traballadores. En base a esa acusación, a Fiscalía pide penas de prisión de ano e medio e o depósito dunha fianza conxunta e solidaria de 400.000 euros no prazo dunha audiencia. En caso de non reunir esta cantidade de diñeiro, o xulgado procederá ao embargo inmediato dos seus bens.

Esta segunda feira comezaba nos xulgados da Coruña a apertura de xuízo oral pola demanda presentada contra deles pola UTE Albada (encabezada por Urbaser). Para o sindicato CIG, “estamos ante un novo intento da patronal de criminalizar a resposta sindical e limitar o dereito á folga ”. O xuizo comeza tres anos despois da greve, que se convocara para defender un convenio digno e pola readmisión dos traballadores despedidos en plenas negociacións.

CIG, CCOO e UGT realizaron unha concentración  ás portas do xulgado coruñés en solidariedade coas persoas acusadas e na defensa do exercicio pleno do dereito á greve. Para a central nacionalista, “non se pode menos que afirmar que Urbaser (do grupo ACS de Florentino Pérez) gosta de moverse no conflito permanente. A día de hoxe enfrontada ao Concello da Coruña e ao Consorcio das Mariñas en varios preitos, levando a planta á ruína coa súa actitude irresponsábel. Alén de pór en permanente risco os postos de traballo e incluso pretendendo que sexan os traballadores quen asuman as consecuencias das súas accións”.

Demandas previas, perdidas

Antes desta greve en 2013, Albada  presentara unha querela criminal contra os cinco membros do Comité da CIG, acusándoos de inxurias, logo destes denunciar vertidos de lixiviados directamente ao mar. A querela contra os membros do Comité non prosperou. Xa coa greve, explica a CIG, a empresa optou por unha demanda para que se declare esta ilegal. Porén, en abril de 2014, a xustiza confirmaba a legalidade da greve.

“Neste contexto é no que a empresa emprende accións legais contra o conxunto do cadro de persoal de Albada por coaccións e un delito contra os dereitos dos traballadores”. A CIG lamenta que empresa e fiscalía “vaian an todo momento da man” na acusación contra estes traballadores.

Comentarios