CIG fala de seguimento masivo na primeira xornada de greve na siderometalurxia de Ourense

A CIG convocou dúas xornadas de protesta, esta cuarta feira e o vindeiro 29 de xuño. O convenio colectivo caducou en 2012.

greve
photo_camera greve

A primeira das dúas xornadas degreve convocadas pola CIG para reivindicar un convenio digno para o sector do siderometal da provincia de Ourense discorre desde primeira hora da mañá cunha participación maioritaria. "En empresas como Gestamp -a principal do sector- só traballaron no turno de noite uns 20 traballadores/as, fronte aos 120 habituais, paralizando a área 2 e a zona de pintura", indican.

O sector siderometalúrxico de Ourense está convocado a esta greve contra a paralización das negociacións do convenio colectivo, un convenio que caducou en 2012. A mobilización foi aprobada a principios de mes nunha asemblea de traballadores. O sindicato nacionalista afirma que patronal e CCOO e UXT están a intentar “boicotear” a greve. “Pretenden que os traballadores asinen xa un convenio que ampliaría a xornada laboral a fin de semana”.

A pretensión da patronal de que se traballase na fin de semana levou xa en 2015 á CIG a abandonar a mesa do sector, convidando CCOO e UXT a facer o mesmo. A central nacionalista sinalaba que o mandato dos afiliados e delegados/s e o sentir maioritario dos traballadores era contrario a esa pretensión.

Comentarios