O protesto dos 'autónomos forzosos' de Servicarne chama ás portas do grupo Coren

A mobilización terá lugar esta quinta feira para esixir a readmisión das persoas despedidas por participar na greve convocada para reclamar unhas condicións laborais dignas.

Frigolouro_CIG
photo_camera Frigolouro_CIG

A loita dos 'falsos autónomos' de Servicarne, dependente de Frigolouro, empresa do Porriño que pertence a Coren, chega esta quinta feira ás portas do grupo ourensán. A CIG desenvolverá unha concentración de delegados sindicais diante da planta principal de Coren en Ourense para esixir a readmisión dos 5 traballadores despedidos por participar na greve convocada para reclamar unhas condicións laborais dignas.

A concentración promovida pola FGAMT-CIG realízase en solidariedade coa loita do persoal autónomo de Servicarne. Dende a central explican que a protesta fai parte da campaña de mobilizacións iniciada no mes de marzo e que até o de agora incluíu varias xornadas de greve, manifestacións, distintas concentracións, denuncias xudicias e xestións institucionais.

Neste senso, lembran que o vindeiro mes de xuño está previsto a celebración dun xuízo tras a denuncia presentada pola CIG no Xulgado do Social contra Frigolouro por cesión ilegal de traballadores/ e fraude na contratación.

Comentarios