Unha gran nube de fume negro dividía este domingo os territorios da Galiza e Asturias. A orixe estaba nunha gran barricada que formaron na autoestrada A-8 os traballadores de Alcoa, que convocaron a centos de persoas nunha gran mobilización en Ribadeo.
As traballadoras seguen así coas protestas após de que a multinacional lles comunicase a semana pasada o despedimento de máis de 500 traballadores da planta de aluminio primario. Con elas, exixen aos gobernos da Xunta e do Estado español que busquen unha alternativa que garanta a continuidade dos seus postos de traballo, vitais para a economía da comarca.
#Manifestación de lxs trabajadorxs de #Alcoa #SanCibrao en #Ribadeo, cortando la #A8. #AlcoaNonSePecha #SinIndustriaNoHayFuturo #EstatutoParaElectrointensivas #xuntxsmáisfortes @Alcoanosecierra@ConcellodeCervo @MarotoReyes@mincoturgob @Teresaribera @mitecogob @Xunta @PSOE pic.twitter.com/CDGMMjDScN
— Rebelión Aluminio 🔻 (@RebelinAluminio) May 31, 2020
"A Mariña lucense non ten outra industria que se poida equiparar á fábrica de Alcoa", advertiu o presidente do comité de empresa da factoría de Cervo, José Antonio Zan, e precisamente por este motivo a comarca enteira mobilizouse para paralizar a autovía e formar unha gran barricada que cortou a A-8 en ambos os sentidos durante as primeiras horas do mediodía deste domingo.
Para os afectados, o peche da factoría sería letal para esta zona da provincia de Lugo, xa que despois da propia industria, as empresas que máis empregos xeran son as súas propias contratistas. "Todo o mundo" vive deste sector, engadiu o presidente. Este 1 de xuño os traballadores de Alcoa San Cibrao volverán reunirse para avaliar novas medidas de protesta, avanzou Zan.