A Xunta pide ás traballadoras de Maderas Iglesias que abandonen unha greve que secunda 100% do persoal

maderas iglesias greve

O persoal de maderas Iglesias fai esta segunda feira, 3 de setembro, unha semana de greve, un paro  indefinido para reivindicar o pago dos salarios adebedados (dúas pagas extra e máis o salario de xullo) e esixir un futuro para unha factoría que xera 200 postos de traballo, na súa maioría mulleres.

O comité desta empresa de fabricación de tarima flotante con sede no Porriño rexeita tanto o contido das declaracións como as “malas formas” do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que este sábado os instou desde a prensa a depoñer a greve. Entenden que tenta “botar balóns fóra” culpabilizando o persoal da situación e reiteran a solicitude dunha xuntanza despois de nove meses de incomparecencia.

Esta pasada fin de semana, e sen que de momento se dese ningún paso por parte da dirección, decidiron intensificar a loita e facer garda as 24 horas ante a instalacións da empresa para evitar calquera actividade ou retirada de material.

A greve continúa a ser secundada pola totalidade do persoal, que está disposto a continuala até lograr os os seus obxectivos.

Comentarios