Agora

Autovía A-54. (Foto: Google)
Agora

Dous feridos graves após chocar o seu coche contra a mediana da A-54 á altura de Santiago

Dous irmáns de 34 e 38 anos de idade, E.J.N.I e G.N.I., resultaron feridos graves nas últimas horas ao bater o coche no que viaxaban contra a medianeira da autovía A-54, no termo municipal de Santiago, á altura do quilómetro 88, no Carballal, segundo informaron fontes do 112-Galiza e do 061. O sinistro ocorreu sobre as 22 horas deste domingo e foron particulares os que alertaron a Emerxencias. As testemuñas explicaron que os ocupantes do coche accidente non estaban atrapados, pero necesitaban asistencia sanitaria. Como consecuencia do impacto, o vehículo acabou nos carrís contrarios da autovía. O 061 enviou ao lugar unha ambulancia de soporte vital avanzado e outra de soporte vital básico. Os dous ocupantes do coche foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Traballadores da construción (Foto: Nós Diario).
Agora

O PIB medra 2% interanual a nivel galego, mentres que o incremento é de 2,4% no Estado

O Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza creceu 2% no primeiro trimestre con respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Desta maneira, o incremento interanual do indicador económico ficou por baixo do crecemento da economía estatal, que experimentou un medre de 2,4%, neste caso segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Esta é a comparanza, a pesar de que a economía galega experimentou un impulso con respecto ao último trimestre de 2023, cunha alza do PIB de 1,3%, mentres que no Estado este aumento ficou en 0,7%. 
Unha pasaxeira agarda para facturar nun voo de Ryanair (Ricardo Rubio).
Agora

Consumo impón 150 millóns de euros de multa a varias aeroliñas

O Ministerio español de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 impuxo unha multa de 150 millóns de euros a Ryanair, easyJet, Vueling e Volotea por "prácticas abusivas". Neste sentido, a sanción está baseada nas infraccións por aplicar taxas extra pola reserva de asento contiguo para acompañar a menores ou dependentes, cobrar polo transporte de equipaxe de man, ser "opacas" na información precontractual sobre o prezo do servizo, a prohibición de pagamento en metálico ou o suplemento de 20 euros por reimpresión da tarxeta de embarque no aeroporto, segundo informou a OCU.
viño
Agora

A XLV da festa do Viño de Barro será do 13 ao 16 de xuño e vén cunha completa programación

Barro (comarca de Pontevedra) xa ten data para a súa festa do viño, que este ano chega á edición número 45. Será do 13 ao 16 do presente mes de xuño e vén cun completo programa nos que o goce dos mellores viños locais caseiros e os mellores viños das adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas van da man de actuacións musicais, deportes, sardiñada e até unha concentración de vespas, lambrettas e motos clásicas. O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, destacou que esta edición foi elaborada "con moito mimo", e "pensada para todos os públicos" e na que "se lle quixo dar un espazo protagonista ás entidades e artistas locais". O pregón da festa correrá a cargo de Ramón Ballesteros, enfermeiro durante 24 anos no centro de saúde de Barro.

Felipe Senén López (Foto: Laura Barcala).
Agora

A asociación Agromadas concede o Premio Freire Carril 2024 a Felipe Senén López

O xurado do Premio Freire Carril 2024 deu a coñecer onte que acordou conceder o galardón nesta edición ao escritor e historiador Felipe Senén López Gómez. Na figura deste investigador, colaborador de Nós Diario, tiveron  en conta a súa extensa traxectoria como arqueólogo e director do Museo Arqueolóxico da Coruña. A asociación Agromadas, da parroquia ourensá de Seixalbo, distingue cada ano ás entidades ou persoas que na Galiza desenvolven labores a favor da comunidade social e que abarca os aspectos referidos á participación na vida comunitaria, a profundar na democracia e na vida cultural galega. Todas as sociais e socios e calquera entidade, asociación ou particular, poderá propor candidaturas para optar ao premio.
O Liceo opta á final ligueira. (Foto: Liceo)
Agora

O Liceo busca un posto na final da Liga de hóckey patíns

O Deportivo Liceo continúa esta sexta feira o seu percorrido para intentar asaltar a supremacía do todopoderoso Fútbol Club Barcelona e do resto de equipos cataláns sobre a principal competición masculina estatal de hóckey sobre patíns, a OK Liga. Así, logo de eliminar o Club Patí Voltregà-Movento Stern nos cuartos de final, a escuadra verdibranca colidirá ás 20.30 horas no Olímpic de l’Ateneu co Club Esportiu Noia Freixenet de Sant Sadurní no partido de ida das semifinais polo título. O obxectivo do Liceo é obter un bo resultado que multiplique as súas posibilidades de fechar o pase á finalísima -previsibelmente ante o Barça- nunha volta que terá lugar no Pazo de Riazor. 
A atleta viguesa Susana Rodríguez e a súa guía, Sara Loehr, cruzan a liña de meta na proba de triatlón de Toquio 2020 (Foto: John Walton/PA Wire/dpa)
Agora

Vigo recibe a Copa de Europa de Tríatlon e a Copa do Mundo de Paratríatlon

A localidade de Vigo acollerá este sábado un duplo evento deportivo de primeira magnitude: a Copa de Europa de Tríatlon e a Copa do Mundo de Paratríatlon. A contorna da praia de Samil será o escenario polo que discorra un certame que arrancará ás 9 horas e que finalizará arredor das 20.15, brillando, entre os nomes propios que estarán presentes na cita olívica, os dos dous ídolos locais, Antonio Serrat e Susana Rodríguez Gacio. Nun acto de presentación desenvolto no día de onte, e no que estiveron presentes o alcalde, Abel Caballero; Jorge García, director de Competicións da Federación Española de Tríatlon; e Javier Campos, presidente da Federación Galega da modalidade, este último apuntou que, ademais, paralelamente terá lugar unha carreira na que as estrelas serán crianzas entre os 5 e os 18 anos.
Central de emerxencias do 112 Galiza (Foto: 112).
Agora

Desaloxan perto dunha vintena de persoas na Guarda por unha fuga nun depósito de gas

Perto dunha vintena de persoas foron desaloxadas na noite desta pasada cuarta feira na Guarda (Baixo Miño) por unha fuga nun depósito de gas. Segundo informa o 112, os feitos ocorreron minutos antes das 21 horas na rúa da Coruña e ningún dos veciños necesitou asistencia sanitaria. Os servizos de emerxencia tiveron constancia do sucedido a través da chamada dun dos cidadáns, quen avisou de que unha das tubaxes do depósito, situado no tellado, estaba a perder gas. Foron evacuados 17 veciños e veciñas para proceder ao baleirado do depósito, tras o que puideron retornar ás súas vivendas pasadas as 7 horas desta mañá.
Agnès Callamard, secretaria xeral de Amnistía Internacional. (Foto: Carlos Garcia Granthon / Europa Press / Contacto)
Agora

As execucións medran no planeta malia a redución dos Estados que aínda aplican a pena de morte

A pesar da redución da cifra de Estados que levaron a cabo execucións, de 20 en 2022 a 16 en 2023, o número de persoas confirmadas que sufriron a pena de morte o pasado ano, 1.153, é o máis alto desde 2015, cun incremento de 30% en relación a 2022, indica un informe divulgado a cuarta feira por Amnistía Internacional, que subliña que a listaxe de execucións está encabezada pola China, Irán, Arabia Saudita, Somalia e os Estados Unidos.

O presidente aragonés, Jorge Azcón (PP), a pasada quinta feira. (Foto: Cortes de Aragón)
Agora

O Goberno español leva ao Constitucional a derrogación da lei de memoria en Aragón, gobernado por PP e Vox

A terza feira, no Consello de Ministras e Ministros español, aprobouse interpor un recurso no Tribunal Constitucional contra a derrogación da lei de memoria democrática en Aragón, territorio gobernado conxuntamente polo Partido Popular (PP) e a ultraespañolista Vox, ao validarse unha nova norma que “invisibiliza graves violacións dos dereitos humanos” na ditadura franquista, concluíron tres relatoras e relatores da ONU.

A explotación sexual en internet está a aumentar en todo o mundo. (Foto: marat)
Agora

Unha de cada oito crianzas son vítimas cada ano no mundo de abusos sexuais en internet

Un estudo da Universidade de Edimburgo publicado a segunda feira conclúe que 302 millóns de crianzas no mundo, unha de cada oito, son vítimas cada ano da toma, intercambio e exposición non consentida de imaxes sexuais e vídeos en internet. O informe, que suxire que os Estados Unidos son unha zona cun alto índice de risco, sinala que no país americano un de cada nove homes admitiu ter cometido un delito contra menores en internet.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei (Foto: Andy Pérez).
Agora

Asinado o convenio Dépor-Concello

Rematou o 'culebrón' pola extensión do convenio que une o Real Club Deportivo co Concello da Coruña, que ten a regulación dos usos do estadio de Riazor como eixo central e que enfrontou ambas as entidades ao longo das últimas semanas. O presidente branquiazul, Álvaro García Diéguez, e a alcaldesa herculina, Inés Rei, asinaron esta sexta feira un pacto que suporá a cesión gratuíta do recinto no que o conxunto deportivista xoga os seus partidos como local desde 1944 durante outros 25 anos. Ademais, no texto indícase que o Concello poderá dispor de Riazor para usos "extradeportivos" sempre que sexa "compatíbel cos compromisos derivados das competicións oficiais do Dépor", o que significa que macro eventos como concertos de música poderían ter lugar alí no futuro.
 
O  Pantín Classic é unha das probas beneficiadas desta liña de achegas.(Foto: Pantín Classic).
Agora

Novas axudas ao deporte da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña publicou onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional de 19 axudas económicas a outros tantos clubs, asociacións e sociedades deportivas que leven a cabo distintos certames "de singular interese" durante o ano 2024. Estas achegas supoñen investimentos globais de 451.900 euros, e teñen como obxectivo "apoiar a celebración de grandes eventos, que  reúnen atletas de gran nivel e que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a nosa imaxe", destacou o deputado de Deportes, Antonio Leira, quen lembrou que algunhas das probas beneficiadas son o Pantín Classic, o Gran Premio Cantóns de Marcha ou o Rally de Ferrol.
 
O presidente da Madeira e candidato do PSD, Miguel Albuquerque. (Foto: Nós Diario)
Agora

Albuquerque (PSD) busca manter a Presidencia da Madeira tras dimitir e entre acusacións de corrupción

O domingo decorrerán as eleccións rexionais na Madeira, en Portugal, oito meses despois dos anteriores comicios, após ordenar o presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa, a disolución do Parlamento por mor da dimisión do presidente rexional, Miguel Albuquerque, do conservador Partido Social Democrata (PSD), após ser imputado por corrupción, o que non evitou que se volverá presentar mentres continúa no cargo en funcións.

Vista da exposición de Vicente Blanco en Arco Lisboa.
Agora

Arco Lisboa presenta en profundidade a obra de Vicente Blanco

O artista Vicente Blanco (Cee, 1974) participa na feira internacional de arte Arco Lisboa, que se celebra na capital portuguesa desde o pasado día 23 de maio até o domingo 26. Da man da madrileña galería Silvestre, Blanco está presente dentro dos proxecto SOLO, que presentan a obra de artistas internacionais en profundidade. Vicente Blanco  é Licenciado en Belas Artes na especialidade de Escultura pola Universidade de Vigo (1997) e doutor en Belas Artes pola Universidade de Granada (2012). Expuxo en prestixiosos museos de arte contemporánea como o MNCA Reina Sofía (Madrid), CGAC (Compostela), MARCO (Vigo) e MUSAC (León). Foi galardoado recentemente coa bolsa da Fundación Pollock-Krasner (2023) e a súa obra está presente en destacadas coleccións como a Fundación María José Jove, o Centro Galego de Arte Contemporánea ou o Museo de Arte Contemporáneo de Castela e León, entre outros. 
Jeremy Corbyn nun acto o pasado mes de febreiro. (Foto: Vuk Valcic / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press)
Agora

O ex líder laborista Corbyn presentarase como independente aos comicios no Reino Unido o 4 de xullo

O ex líder do Partido Laborista británico Jeremy Corbyn, que perdeu o cargo no marco dunha campaña das faccións máis conservadoras da formación, que o vincularon co antisemitismo polo seu apoio a Palestina, presentarase como independente para tratar de revalidar o seu escano en Islington North, na periferia de Londres, que mantén desde 1983, revelaron a quinta feira medios locais. O seu sucesor, Keir Starmer, liderou unha viraxe cara á dereita.

O encontro de ida da promoción contra o Betis B será en Sevilla. (Foto: Sanifax).
Agora

Pontevedra mobilízase polo ascenso

O Pontevedra Club de Fútbol, segundo clasificado da Segunda Federación, quere unirse a próxima tempada a Arenteiro, Lugo e Ourense -máis Celta Fortuna, no caso de non lograr o ascenso a Segunda División na inminente promoción- na terceira categoría estatal. Para iso terá que pasar por enriba do filial do Real Betis Balompié, un duro rival que esixirá o mellor dos pupilos de Iago Iglesias. Xa que logo, e co obxectivo de que os futbolistas granates non se sintan desamparados nun encontro de ida dos play-off programado o próximo domingo, 26 de maio (17 horas), co escenario de excepción do Estadio Benito Villamarín -onde habitualmente xoga os seus partidos como local o primeiro equipo verdibranco-, a afección mobilizouse para fretar un autobús que una a Boa Vila coa capital andaluza.
O apoio do 'Tsunami Laranxa' semella que a próxima tempada será decisivo no Coliseum. (Foto: Básquet Coruña).
Agora

O Básquet A Coruña desata a febre e xa ten 6.000 persoas aboadas

O recente ascenso do Leyma Básquet A Coruña, que se unirá a próxima tempada ao Leite Río Breogán de Lugo na Liga ACB, desatou unha febre polo baloncesto na cidade herculina. Así o confirman as cifras feitas públicas pola escuadra laranxa, que revelou na xornada de onte que  xa superou as 6.000 reservas para formalizar os abonos de cara á tempada 2023/24. Isto significa que, case con total seguridade, o Básquet Coruña disputará os seus partidos como local no recinto do Coliseum, e non no Pazo dos Deportes de Riazor, como viña facendo até o de agora, pois a capacidade deste último pavillón é de tan só 4.425 espectadoras,  mentres que a do Coliseum supera as 8.000.
O Frigoríficos depende de si mesmo.  (Foto: BM Cangas).
Agora

O Balonmán Cangas pelexa por eludir a promoción

É agora ou nunca para o Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo. O único conxunto galego na elite do balonmán masculino estatal ten mañá a oportunidade de garantirse a permanencia sen pasar polo mal trago dunha promoción que sempre é unha lotería. Grazas ao triunfo in extremis que logrou a pasada fin de semana ante Bathco Torrelavega (33-32) e ás derrotas do seus rivais directos pola salvación, REBI Cuenca e Piente Genil, a escuadra do sur do país ten claro o que necesita para evitar a décimo cuarta posición, que obriga a ser parte do play-out: superar o Valladolid (17 horas) e agardar que non gañen nin Cuenca nin Puente Genil, cos que ten perdido o goal average. 
O Liceo opta ás semifinais ligueiras. (Foto: Deportivo Liceo).
Agora

O Liceo encara a volta dos cuartos de Liga con todo a prol

Non foi a 2023/24 unha tempada doada, en liñas xerais, para un Deportivo Liceo que sufriu unha fonda reestruturación no período estival e que nunca chegou a exhibir o nivel que o caracterizou en tempadas anteriores. Con todo, logrou rematar en terceira posición da fase regular da OK Liga -aínda que a 22 puntos do todopoderoso Fútbol Club Barcelona- e clasificarse para uns play-offs polo título nos que sempre adoita sacar o mellor de si. Deste modo, a escuadra herculina desexa certificar (mañá, Pazo de Riazor, 20.30 horas) a clasificación para unhas semifinais que ten na palma da man se sabe conservar a vantaxe que obtivo nun choque de ida que gañou 6-2.