Agora

Inés Rei, alcaldesa da cidade da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Agora

O Deportivo esixe "data e hora" para o novo convenio

Dicía o malogrado wrestler e actor 'Rowdy' Roddy Piper aquilo de "cando cren saber todas as respostas, eu cambio as preguntas". Neste sentido, cando semellaba que o culebrón entre Deportivo e Concello da Coruña a conta do novo convenio chegaba á súa fin, o conxunto branquiazul sorprendeu cun comunicado emitido de madrugada esixindo "data e hora" para a súa sinatura, co obxectivo de "paliar os efectos da campaña de descrédito activada en plataformas e redes sociais".
Por parte do Concello, a diferenza do acontecido nos días anteriores, non houbo unha resposta expresa, pero fontes consultadas por Nos Diario pensan que firmarán "antes de que remate o mes". 
Luis Fontán, Pilar Lueiro e Xan Rodiño, onte na presentación. (Foto: Concello de Santiago).
Agora

O flamante Campionato Galego de Billarda debuta en Santiago de Compostela

O deporte da billarda continúa o seu crecemento cun novo torneo, o Campionato Galego. Esta flamante proba debutará o próximo domingo, 19 de maio, a partir das 12 horas no campo de herba natural de Conxo (Santiago de Compostela). Presentado oficialmente durante esta quinta feira no Pazo de Raxoi, o acto conduciuno a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, que estivo acompañada de distintos representantes da Federación Galega de Deportes Autóctonos (FGDA). A edil destacou durante a súa intervención que a billarda é "un deporte popular e tradicional que promove a actividade física e deportiva ao tempo que axuda a manter viva a nosa cultura e tradición", lembrando que desde 2020 está recoñecida oficialmente pola Xunta da Galiza. 
Rosalía Fernández Rial (Foto: AELG)
Agora

Rosalía Fernández Rial obtén o VII Premio Vidal Bolaño

A obra Fóra de campo valeulle a Rosalía Fernández Reial facerse coa VII edición do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño. A autora recibirá un premio de 2.000 euros en metálicos e verá a súa obra publicada pola Editorial Galaxia. A firma colabora na organización deste galardón que convocan o Concello do Porriño e o IES Ribeira do Louro. O fallo do galardón destaca desta peza "a súa temática acaída ao premio porque trata o perigo das redes sociais e o poder que exercen na creación da identidade da mocidade. Destacan tamén valores como a sororidade e a detección precoz do acoso". Todo isto "é transmitido a través dunha linguaxe actual e axeitada ao público ao que vai dirixida".

Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
Agora

A compravenda de vivendas descende 14,6% na Galiza

A compravenda de vivendas rexistrou o pasado mes de marzo un retroceso de  14,6% na Galiza con respecto ao mesmo mes de 2023, até un total de 1.534 operacións, segundo informou esta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). A nivel estatal, o descenso foi de 19,3 por cento. Coa caída de marzo, a compravenda de vivendas volve, a nivel estatal, a taxas negativas após a repunta de 5,8% que rexistrara en febreiro e co que se puxo fin a un ano de caídas interanuais consecutivas. No caso da Galiza, do total de operacións realizadas en marzo 317 corresponderon a vivenda nova e 1.217 a vivenda usada.

O líder francés E. Macron. (Foto: Alexis Sciard / Europa Press / Contacto)
Agora

Francia declara o estado de emerxencia en Nova Caledonia para frear as protestas pola reforma electoral

O Goberno francés anunciou a cuarta feira que imporá o estado de emerxencia en Nova Caledonia como mínimo durante 12 días, incrementando os poderes das forzas de seguridade para intentar conter as protestas que se desataron nas dúas xornadas anteriores. A situación intensificouse na madrugada cando a Cámara Baixa francesa aprobou unha reforma que permite votar nas eleccións provinciais a persoas que viviran no arquipélago durante unha década, acabando coa conxelación do censo desde 1998, o que foi criticado polos independentistas canacos como un intento de minorizar a presenza electoral indíxena aínda máis. Catro persoas, incluído un axente policial, faleceron até o de agora durante as protestas.

Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Envorca un camión en Arzúa tras sufrir unha indisposición o seu condutor

Un condutor sufriu unha indisposición ao volante esta cuarta feira e o seu camión acabou envorcado en Arzúa. Segundo informa o 112 Galiza, ocorreu perto das 13.30 do mediodía. Sobre esa hora, o home facía uso do número de emerxencias para alertar de que se saíu da vía no quilómetro 64 da N-547 porque se atopou mal.

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Un accidente con varios coches implicados na A-55 en Mos provoca retencións na entrada a Vigo

Un accidente múltiple, con polo menos catro coches implicados, ocorrido na A-55 á altura de Mos (comarca de Vigo) provoca retencións na entrada a Vigo. Segundo informan a Europa Press fontes do 112 Galiza, ocorreu sobre as 14:20 horas e varios particulares chamaron para alertar dunha colisión múltiple por alcance no quilómetro 14 da A-55. De acordo con datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), este sinistro non chegou a provocar o corte da circulación, pero si retencións ao retardar o paso dos coches.

Diego Epifanio dirixiu a súa primeira sesión da tempada 2024/25. (Foto: Básquet Coruña).
Agora

Diego Epifanio seguirá no Básquet A Coruña na ACB

O técnico que levou o Básquet A Coruña ao ascenso á máxima categoría do baloncesto estatal por vez primeira na súa historia, Diego Epifanio, seguirá á fronte do conxunto laranxa na Liga ACB. Así o confirmou a escuadra herculina nun comunicado emitido esta cuarta feira, definindo a súa renovación como "a primeira pedra do proxecto do equipo para a tempada 2024/25". O club non ocultou a súa "satisfacción" tanto por poder contar co preparador burgalés no "novo reto" na elite como por "darlle unha alegría a todos eses afeccionados e afeccionadas que hai tan só uns días coreaban o seu nome" pedindo a extensión do seu contrato durante a celebración do ascenso. Así, Epi non repetirá a historia que viviu en Lugo no ano 2021, cando o Breogán decidiu non contar con el para dirixir en ACB após subir o equipo. 
Antonio Leira, Roberto Cibeira, González Formoso e Xosé Regueira. (Foto: Deputación da Coruña).
Agora

Recepción ao Básquet A Coruña na sede da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o vicepresidente do ente, Xosé Regueira; o deputado de Deportes, Antonio Leira; e representantes dos diferentes grupos políticos que integran a corporación provincial recibiron esta terza feira no Salón de Plenos á totalidade do cadro de xogadores e o Consello de Administración do Leyma Basquet Coruña, que vén de lograr o ascenso á Liga ACB, a máxima categoría do baloncesto estatal. No seu nome, o presidente, Roberto Cibeira, afirmou que teñen por diante "un reto maiúsculo: competir na mellor liga de baloncesto de Europa e a segunda do mundo, tras a NBA", polo que demandou o apoio tanto da afección como de entidades públicas e privadas que permitan ao conxunto laranxa dar "un salto de calidade".
Fillos de Breogán opta ao título sénior masculino. (Foto: Nós Diario).
Agora

O gaélico da Galiza pon a mira nos Campionatos Ibéricos

A localidade catalá de Salou foi a sede escollida para recibir a fase final dos Campionatos Ibéricos de fútbol gaélico, que se desenvolverán integramente o próximo sábado, 18 de maio. Nese torneo do único deporte no que a Galiza está autorizada a competir oficial e internacionalmente o representante do país na categoría sénior masculina será Fillos de Breogán, que colidirán cos Celtíberos de Lisboa, os locais do Barcelona Gaels e os valencianos do Sant Vicent. Con respecto ás mulleres, Turonia Gondomar e Estrela Vermelha medirán forzas co Barcelona Gaels, o Madrid Harps e o Costa Gaels, un conxunto que ten a súa base na área da Costa do Sol. 
 
Protesta independentista a finais de marzo en Nova Caledonia. (Foto: Nós Diario)
Agora

Francia decreta o toque de recoller en Nova Caledonia polas protestas independentistas contra a revisión do censo electoral

Louis Le Franc, representante francés en Nova Caledonia, impuxo a terza feira un toque de recoller desde as 18 horas no arquipélago (9 horas na Galiza), o feche de centros de ensino e do aeroporto xustificándose nas protestas da noite anterior, desatadas pola intención francesa de revisar o censo para os comicios provinciais, conxelado desde 1998, o que para as forzas independentistas é unha tentativa de “minorizar aínda máis o pobo canaco”.

Kristersson (centro), líder sueco, a segunda feira cos seus homólogos nórdicos. (Foto: Nós Diario)
Agora

O Goberno sueco avalaría despregar armas atómicas dos Estados Unidos en caso de declararse unha guerra

Ulf Kristersson, primeiro ministro de Suecia, salientou a segunda feira que “en caso de guerra” aceptaría a despregadura de armas nucleares dos Estados Unidos no territorio do país, incidindo en que a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) “beneficiaríase do paraugas que proporcionaría”. Suecia segue Polonia, que trasladou con anterioridade a súa disposición a despregar esta clase de armas e admitiu negociacións ao respecto.

Presentación da Festa da Lingua.
Agora

A Pedreira celebrará dúas xornadas de Festa da Lingua os días 17 e 18 de maio

A Asociación Cultural A Pedreira, coa colaboración do Concello de Pontevedra, organiza para os días 17 e 18 diversas actividades coa finalidade da fomentar a lingua, principalmente entre público infantil e adolescente. Entre outras actividades Os Vacalouras e Catuxa Salom tocarán na sexta feira, 17 de maio e o sábado 18 será a quenda de Peter Punk co espectáculo Peor impossível para despois dar paso á foliada coa banda de gaitas Foula.  
Rodiño (centro, de verde) deu un paso máis na categoría individual. (Foto: FGDA).
Agora

Campo da Feira, virtual campión da Conferencia Noroeste da Liga Atlántica de Billarda

Campo da Feira de Paiosaco gañou unha xornada máis da Conferencia Noroeste da Liga Atlántica de Billarda e xa é o virtual campión da tempada 2023/24. Nesta data de campionato número 16, que se desenvolveu en Narón, o mellor na categoría individual absoluta foi Xan Rodiño (Lúa de Forza de Sanxenxo), que aumenta así a súa vantaxe na clasificación xeral sobre Abel Ponte até os 32 puntos de diferenza entre un e outro, o que tendo en conta que tan só quedan dúas xornadas por disputar fai pensar en Rodiño como gañador. Pola súa parte, na modalidade feminina Irene (Cochiqueiros de Cerceda, 155 puntos) tamén se acerca ao seu primeiro título da Conferencia Noroeste, e após vencer en Narón supera Merche (APB A Laracha) en 11 puntos.
Persoas votando na Universidade de Barcelona (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press).
Agora

A participación nas eleccións catalás é similar á de 2021 con datos até as 18 horas

A participación nas eleccións catalás situouse en 45,79% con datos até as 18 horas, 0,18 puntos porcentuais máis que nos comicios de 2021, segundo datos da Generalitat de Catalunya. A provincia con maior participación é até o de agora Barcelona, con 46,22% (+0,41 puntos), seguida de Xirona, con 45,83% (-1,16), Tarragona, con 44,05% (+1,28), e Lleida, con 43,33% (-2,62). En 2021, a participación xeral en Catalunya foi de 45,61% até as 18 horas, cun total de 2.448.922 persoas que exerceran o seu voto.

Axente da Garda Civil nunha imaxe de arquivo (Foto: Garda Civil).
Agora

Rescatan no río Anllóns o corpo sen vida dunha muller desaparecida en Carballo

Axentes da Garda Civil e membros de Protección Civil recuperaron no río Anllóns o corpo sen vida dunha muller desaparecida no municipio de Carballo (Bergantiños). Segundo informou o Consorcio Contraincendios e Salvamento A Coruña, os bombeiros de Carballo foron alertados ás 9.15 horas deste domingo para formar parte do operativo de procura dunha muller que desaparecera o sábado. Sobre as 11.15 horas, localizaron ao corpo sen vida da muller.

Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Agora

Un motorista falece en Bande tras unha saída de vía

Un motorista, nacido en 1985, faleceu este sábado nunha saída de vía na estrada OU-540 ao seu paso polo municipio de Bande (Baixa Limia). Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, o sinistro tivo lugar pouco antes das 19 horas. A saída de vía tivo lugar pola marxe dereita no sentido da marcha no quilómetro 45. Patrullas da Garda Civil atópanse no lugar, mentres que se dirixe até o sitio do accidente un equipo de investigación de sinistros viarios.

Un equipo de bombeiros traballa na extinción dun incendio en Crecente (A Paradanta) nunha imaxe de arquivo (Foto: Adrián Irago / Europa Press).
Agora

Un incendio forestal en avión queima unhas 20 hectáreas

A Consellaría do Medio Rural deu por estabilizado un incendio forestal no municipio de Avión (O Ribeiro) que afectou polo momento unha superficie dunhas 20 hectáreas. Tal e como informou o departamento, o fogo iniciouse esta sexta feira pola tarde na parroquia de Abelenda e atópase estabilizado desde as 2.29 horas deste sábado. As primeiras hipóteses apuntan a que o incendio foi causado por un raio dunha tormenta seca.
Unha ambulancia do servizo de emerxencias do 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario)
Agora

Falece un motorista tras chocar contra unha furgoneta en Mesía

Un motorista perdeu a vida tras chocar contra unha furgoneta no municipio de Mesía (comarca de Ordes). Segundo informou o 112, foi o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias Galiza-061 o que deu a voz de alerta ás 20.45 horas da sexta feira e explicou que o sinistro se produciu na estrada que conecta Visantoña coas Travesas. O equipo de emerxencias mobilizou aos Bombeiros de Ordes, do GES de Curtis e á Garda Civil de Tráfico. Ademais, os servizos sanitarios mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Compostela. Con todo, a pesar dos esforzos o persoal sanitario nada puido facer por salvarlle a vida.

O presidente de Panamá, José Raúl Mulino, esta semana. (Foto: Daniel Gonzalez / Europa Press / Contacto)
Agora

O novo presidente panameño anuncia que repatriará as migrantes que crucen a selva do Darién

O conservador José Raúl Mulino, elixido a pasada fin de semana como novo presidente de Panamá, asegurou na madrugada da sexta feira que repatriará todas as persoas migrantes que atravesen a selva do Darién, que separa o país de Colombia e que é unha das principais rutas migratorias en dirección aos Estados Unidos. Ademais, Mulino defendeu que o fará contando con “axuda internacional” e respectando os dereitos humanos.